Domingo, 5 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O PSOE de Gondomar denuncia a ausencia do alcalde durante o Entroido e a paralización do Concello.

O PSOE de Gondomar denuncia a ausencia do alcalde durante o Entroido e a paralización do Concello.

Correo-e Imprimir PDF
enterropreferentes

- O concelleiro Francisco Ferreira lamentou que "o alcalde desaparece dos carnavales e vaise a gozalos a Ourense", así como que por catro días o Concello quedou " paralizado sen que se puidese mover un papel".

-"Todos os gondomareños incluídos os concelleiros do seu propio goberno descoñecían o paradeiro do seu alcalde", denuncia Ferreira.

O portavoz dos socialistas de Gondomar denuncia que o alcalde popular Fernando Guitián estivo ausente de Gondomar dende o domingo ata o día mércores desta semana "índose a gozar os carnavales á provincia de Ourense e que non haxa nin participado nos tradicionais carnavales de Gondomar, algo inaudito e que nunca fixeron outros alcaldes", sinala Francisco Ferreira.

Nese senso lembra que o domingo tiña que celebrarse o tradicional desfile e pasacalles de carrozas polas rúas de Gondomar, "un evento moi significativo e de gran popularidade e participación en toda a comarca". Nembargante,denuncia que cando chegou a choiva e tivo que tomarse a resolución de pospoñer a actividade o concelleiro de Cultura, "nin ocasión tivo de consultalo co seu alcalde, o popular Fernando Guitían, que estaba en paradero descoñecido malia que formaba parte do xurado como alcalde presidente en representación do Concello e de todos os seus veciños".

Ferreira sinala que Guitián ausentouse tamén á reunión que todos os mércores os portavoces dos grupos políticos levan a cabo cos afectados das participacións preferentes, "tampouco estivo na celebración do enterro da sardiña o mércores pola noite", agrega.

Para Ferreira isto é unha provocación aos veciños de Gondomar e unha falta de respecto imperdoable "o alcalde debe estar coa súa xente nestes días sinalados e de gran confluencia de visitantes no pobo, para iso decidiu ser alcalde de todos...". Ademais "a súa obrigación é promover as actividades culturais en Gondomar e participar e implicarse nelas, non xustamente facer o contrario, como fixo neste caso, índose a celebralos e participar nos eventos que organizan outros concellos fóra da provincia". "Unha vergonza e unha falta de consideración do que terá que dar conta no próximo pleno" como marca a lei, asegurou Ferreira." É máis, vulnerou fragantemente tamén a Lei de Bases de Réxime Local e ao Real Decreto 2.568/1986 ao ausentarse do municipio sen nomear como substituto ao tenente alcalde", conclúe.