Domingo, 5 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Os nacionalistas advirten que a construción dun muro á altura da escola vella agravará os problemas de asolagamento en Gondomar.

Os nacionalistas advirten que a construción dun muro á altura da escola vella agravará os problemas de asolagamento en Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
escola-vella

Os nacionalistas, agora integrantes da formación política a ANOVA, proporán a realización dun concurso de ideas para darlle unha solución eficiente ao problema dos asolagamentos na vila de Gondomar. Ao mesmo tempo, pedirá no vindeiro pleno ao goberno municipal a retirada do proxecto de construción dun muro de contención no Campo das Cercas, por entender que agravaría máis a situación.

Segundo explicou o portavoz, Antonio Araújo, no BOP do 18/12/2012 saía un anuncio do Concello de Gondomar, Exp. DH.W36.40633, referido á solicitude de autorización a Augas de Galicia para construír un muro de contención no Campo das Cercas. O devandito muro tería unhas características de 135 metros de longo e 1,83m. de alto e sería de formigón armado. Asemade estaría a unha distancia do Río Miñor de 26 metros e o obxecto de mesmo sería facer de barreira contra as enchentes para evitar o asolagamento dos edificios do antigo colexio público "Enrique Rodríguez Márquez".

A devandita obra sería construída con cargo a fondos da Deputación Provincial de Pontevedra correspondentes ao Plan de Investimentos do ano 2012, cun importe total de 119.375,71€.

Araújo sostén que a solución proposta "non é tal, pois no mellor dos casos libraríanse da auga os edificios do colexio vello a conta de asolagar o Parque da Coelleira, as propiedades da outra beira do río e con toda seguridade a zona do matadoiro e da Praza de Abastos, o Centro Neural e o Campo de Fútbol. Por non falar da "piscina natural" que se formaría no espazo pechado polo muro de contención, tal como se forma na actualidade, só coa chuvia, sen muro de contención e sen saír ao río. A maiores do impacto visual negativo nunha zona aberta e de lecer que está á vista de todo mundo".

Araújo agrega que nos últimos anos o parque das Cercas "converteuse nunha sorte de lugar de experimentación, onde os diferentes gobernos municipais foron deixando a súa pegada, uns máis cá outros, e algúns de maneira irreversible"

O responsable nacionalista entende que é hora de actuar "na devandita zona con coherencia de agora en diante", e por iso pedirá no vindeiro pleno do xoves 7 que o goberno municipal retire o proxecto de contención do muro. Ao mesmo temo, que teña lugar un chamado a concurso de ideas " co obxecto de tratar de maneira conxunta todo o espazo público existente na zona das Cercas, incluso contemplando a posibilidade da desaparición do colexio vello e que as actuacións a realizar se poidan facer por fases e sempre gardando a idea de conxunto".