Sábado, 18 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Logo de dous anos de reclamos a Deputación presenta proxecto de beirarrúas para a estrada Gondomar - Morgadáns.

Logo de dous anos de reclamos a Deputación presenta proxecto de beirarrúas para a estrada Gondomar - Morgadáns.

Correo-e Imprimir PDF
estrada-chain

Finalmente e logo de dous anos de reclamacións, recolleita de sinaturas e peticións por parte dos veciños e usuarios da EP-2302 que vai de Gondomar a Morgadáns, a Deputación de Pontevedra presentará un anteproxecto da beirarrúa reclamada, sobre a devandita estrada. Un equipo de técnicos do organismo provincial se fará presente o vindeiro sábado 8 de setembro ás 11h na Casa da Cultura de Gondomar, co xeito de presentar a iniciativa aos veciños, informaron esta tarde dende o Concello.

 

As autoridades municipais sinalaron a través dun comunicado que as reclamacións feitas pola veciñanza foron trasladadas á Deputación, propietaria da estrada quen foi a encargada da elaboración do que agora se presenta.

O Concello fixo esta tarde un convite a todos os interesados e aos propietarios dos terreos afectados a asistir ao acto e solicitou a súa colaboración "para a mellora do anteproxecto".

A estrada que vai de Morgadáns a Gondomar, pasando por Chaín, foi obxecto de varias denuncias por parte dos usuarios polo estreita, carente de beirarrúas e arcén,o que a convertía nun verdadeiro perigo para os viandantes que da cotío deben transitala.

En marzo de 2010, unha coordinadora de usuarios presento preto de mil sinaturas á Deputación de Pontevedra solicitando unha solución urxente. Daquela facían fincapé nunha urxente intervención na zona da estrada a seu paso de Abelar, Zapa, Brea, A Mourisca, O Loureiro, O Pedrouco, Iglesia, Seara e Fouco polo seu "alto índice de perigosidade".

O 29 de abril de 2011 o deputado provincial e concelleiro de Gondomar Pauliño del Río presentou un proxecto no parlamento e acadou o compromiso por parte de tódolos grupos políticos de actuar sobre a EP-2032.