Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Gondomar cóbrese de alfombras durante a celebración do Corpus Christi.

Gondomar cóbrese de alfombras durante a celebración do Corpus Christi.

Correo-e Imprimir PDF
2corpus-christi-gondoma
3corpus-christi-gondoma
4 corpus-christi-gondoma
10 06 12 corpus-christi-gon
  • Anterior
  • 1 of 4
  • Seguinte

 

Motivos florais, xeométricos, relixiosos, infantís… Gondomar volveu ser fiel a unha das súas tradicións máis arraigadas, a celebración do Corpus Christi, amencendo este domingo cuberta de alfombras florais confeccionadas durante a noite polos propios veciños. Nenos e adultos non quixeron perderse esta festa a pesar das inclemencias meteorolóxicas e participaron activamente na realización das mesmas.

Fixéronse 15 alfombras que cubriron un total de 1000 metros cadrados. Só de caraveis, entre brancos e vermellos, empregáronse máis de 26.000 unidades. Como xa aconteceu o pasado ano, o Concello sufragou os gastos de flores e do material necesario para a elaboración das alfombras e colaborou co seu persoal tanto nos días do Corpus como nas semanas anteriores.

A realización dos tapices florais en Gondomar conta cunha tradición de antigüidade semellante a doutros concellos da contorna. Sen embargo, o Corpus Christi de Gondomar presenta unha particularidade que a diferenza. Trátase da alfombra da escalinata de San Bieito, un tapiz floral que cobre cada un dos 40 banzos que a compoñen, tanto na súa parte horizontal como na vertical, adherindo nesta pétalos e follas. A súa confección, máis complexa por esta singularidade que as restantes, iniciouse o pasado venres pola noite e concluíu o sábado de madrugada.

Semanas de traballo previo

Durante máis dun mes as agrupacións de alfombristas fixeron os deseños e prepararon nos seus locais as flores e os outros elementos naturais que deron forma as alfombras deste ano. Neste sentido, o concelleiro de Cultura, Ignacio Troncoso, mostrouse moi satisfeito pola participación cidadá e agradeceu a todos os veciños a súa entrega, especialmente neste ano cheo de dificultades. Cómpre sinalar ademais que neste 2012 volveron participar na realización dos tapices os centros culturais.

Máis dun centenar de nenos e nenas alfombristas

A pesar do tempo, máis dun centenar de nenos déronse cita nas rúas de Gondomar pola noite para elaborar as alfombras infantís, que este ano incrementaron o seu número ata sumar un total de tres. Aquí son os propios cativos os que se encargan de toda a confección. Entre elas destacou a das rúas Ángel Urzaiz, Eduardo Iglesias e Elduayen, na que se representaba aos personaxes de Barrio Sésamo Epi e Blas portando un o escudo do Celta de Vigo e outro o do Gondomar, ambos equipos de fútbol acabados de ascender. Polas outras desfilaron a abella Maya e Willy, Pocoyó e outros ídolos infantís.

Procesión até o Concello

A procesión tivo lugar o domingo ás 12:45. A comitiva partiu da escalinata de San Bieito, e percorreu a rúa Manuel Alonso, a Alameda, a rúa Eduardo Iglesias e Urzaiz para deterse no Concello, onde se oficiou unha misa no altar acondicionado para a ocasión. O regreso á igrexa de San Bieito discorreu por Párroco Mariño. O acto contou co acompañamento da banda de música Agrupación Musical de Vincios