Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar A ANPA do Chano Piñeiro reclama ao goberno de Gondomar que asuma a xestión do comedor escolar.

A ANPA do Chano Piñeiro reclama ao goberno de Gondomar que asuma a xestión do comedor escolar.

Correo-e Imprimir PDF
chano-pineiro

A ANPA do colexio Chano Piñeiro de Gondomar presentou unha petición ao Concello de Gondomar onde solicita á administración local que en conxunto coa Xunta de Galicia asuman a xestión do comedor escolar do centro. O reclamo presentouse por rexistro o pasado martes acompañado de 71 escritos contendo 82 sinaturas que foron recolleitas nunha campaña durante o mes de maio.

 

A agrupación de pais e nais argumenta que ambas administracións incumpren a Instrución 4/2010 da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de 9 de xuño, sobre "Funcionamento dos comedores escolares de xestión indirecta no curso escolar 2010-2011", onde se sinala que correspóndelle "única e exclusivamente a administración pública" a xestión dos comedores destes centros de ensino.

Nese senso, a ANPA comunícalle ao alcalde Fernando Guitián que iso xa acontece no concello limítrofe de Nigrán, e noutros municipios de Galicia onde a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e os Concellos chegaron a acordos para a súa xestión.

A ANPA sostén no escrito presentado que non é a súa responsabilidade legal " controlar a calidade dos menús servidos nun centro público"; " garantir a salubridade do espazo no que se serve a comida"; " velar pola legalidade dos contratos de prestación de servizos no colexio", nin "controlar a situación laboral do persoal de comedores".

Agregan que non é a ANPA quen debe realizar eses contratos e funcións, así como tampouco quen teña a responsabilidade da adxudicar as subvencións recibidas para os comedores.

O colectivo sostén que é responsabilidade do goberno municipal facer "as xestións oportunas" para normalizar legal e administrativamente a situación.

CEIP Chano Piñeiro, Gondomar