Martes, 22 Jun. 2021

Actualizado07:14:33 AM GMT

Estás en Gondomar Os cinco concelleiros nacionalistas de Gondomar renuncian ao BNG e non entregarán as súas actas.

Os cinco concelleiros nacionalistas de Gondomar renuncian ao BNG e non entregarán as súas actas.

Correo-e Imprimir PDF

Os cinco concelleiros nacionalistas de Gondomar, xunto a 40 militantes (75% da agrupación local do BNG) decidiron abandonar o Bloque e pasar a constituír a Asemblea Nacionalista de Gondomar. A dimisión non incluirá a entrega das actas dos concelleiros ao BNG por resolución case unánime (só dúas abstencións), dos escindidos. O ex alcalde e líder da agrupación nacionalista, Xosé Antonio Araúxo manifestou que a nova agrupación terá como primeiros obxetivos a defensa do programa electoral co que se presentaron nas pasadas eleccións, e sumar forzas coas novas correntes críticas do nacionalismo.

O ex responsable local do BNG Gondomar, Pepe Valverde, manifestou que coa actual condución do BNG saída da Asemblea de Amio, non sería posible defender un programa electoral do nacionalismo gondomareño, elaborado de xeito "participado e aberto á cidadanía". Por outra banda, Valverde expresou os seus desexos de "sorte ao BNG na súa andaina no convencemento de que na defensa de Galiza habemos coincidir en moitas ocasións, pois todos e todas somos necesarios".

Deste xeito a Asemblea Nacionalista de Gondomar estará integrada polos concelleiros, Pauliño del Río, María Luísa Varela Nogueiras, María Fátima Rodríguez Leal, Emilio Enrique García Crego e o xa mencionado Xosé Antonio Araúxo; ademais do ex responsable local do BNG, Pepe Valverde. Segundo fontes da agrupación, entre os integrantes da Asemblea atópanse membros do Encontro Irmandiño, Máis Galicia e independentes. Moitos deles membros o simpatizantes tamén do Novo Proxecto Nacionalista Común do Val Miñor-Oia.