Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Gondomar deberá afrontar unha débeda de 500 mil euros ante a Xunta por mor do saneamento 2005.

Gondomar deberá afrontar unha débeda de 500 mil euros ante a Xunta por mor do saneamento 2005.

Correo-e Imprimir PDF
concello gondomar

Gondomar deberá afrontar unha débeda de 500 mil euros ante a Xunta de Galicia por mor do impago da parte correspondente ao concello para a realización do saneamento municipal en 2005. Daquela, o goberno encabezado polo alcalde popular Carlos Silva, dispuxo as partidas orzamentarias para facelo, mais os fondos nunca chegaron a Augas de Galicia, coa que se tiña contratada a obra. O feito foi denunciado este mediodía pola agrupación municipal do BNG.

A obra de saneamento municipal tivo un custe de 1 millón de euros, dos cales, a Xunta a través de Augas de Galicia financiaba a metade. Pola súa banda, o Concello de Gondomar pagaría 200 mil euros en 2005 e 300 mil no 2006. As devanditas partidas integraron os orzamentos neses anos, máis desapareceron no 2007, último ano do mandato de Carlos Silva.

O devandito orzamento foi o que estivo vixente durante a lexislatura de Xosé Antonio Araúxo (BNG) durante o 2007 ata xullo de 2009. Nembargantes, segundo informou o BNG, non constaba ditas partidas, nin información algunha sobre a débeda.

Unha auditoría interna da Xunta sobre as contas do 2009, revelou que Gondomar aínda non tiña pago os 500 mil euros. O que foi comunicado en abril de 2010 á administración municipal, daquel xa gobernada polo popular Martín Urgal. Aínda que o goberno autonómico advertía que a comunicación "non representa unha requisición de pago", solicitaba ao rexedor que confirmara ou rexeitara tras un exame contable a situación.

O 6 de maio de 2010, o Concello de Gondomar contestou dando a súa conformidade cos datos aportados pola Xunta, mais a débeda, segundo a versión dos nacionalistas, non se fixo constar tampouco no orzamento aprobado a finais dese ano polo goberno de Urgal. Finalmente o 15 de decembro pasado, a Xunta volveu a remitir un recordatorio á administración municipal.

Se ben na rolda de prensa convocada polos nacionalistas, manifestaron que non consta que a Xunta teña iniciado ningún recurso administrativo para reclamar os cartos debidos, a cifra resulta unha nova carga, por "demais pesada" ás arcas municipais do Concello.

Os concelleiros Xosé Antonio Araúxo e Emilio García Crego salientaron a súa preocupación pola actual situación financeira do municipio. Denunciaron que os 500 mil euros desta débeda, sumados aos recortes da Xunta nas achegas aos concellos, así como á perda de varias subvencións por parte do actual goberno de Fernando Guitián e á falla de recadación por mor da crise e parálise urbanística de Gondomar, farán que o Concello "peche nun ano", ironizando sobre o futuro económico do mesmo.

Os nacionalistas exporán o tema no vindeiro pleno deste mes. Adiantaron que solicitarán ao goberno municipal que negocie unha fórmula que posibilite ao Concello non sufrir un dano maior dada a súa actual condición financeira.