Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Fernando Guitián: "Yo no voy a prevaricar para ganar una subvención". A Pasaxe queda sen banda ancha.

Fernando Guitián: "Yo no voy a prevaricar para ganar una subvención". A Pasaxe queda sen banda ancha.

Correo-e Imprimir PDF
a-pasaxe

 

O concello de Gondomar perde unha subvención de case 235 mil euros para modernizar as telecomunicacións do seu complexo industrial de A Pasaxe por mor das súas históricas deficiencias en materia de regulación urbanística. O enclave industrial situado na parroquia de Vincios a varias décadas da súa constitución aínda non está regularizado como polígono industrial o que provocou un informe negativo da tramitación en curso por parte dos servizos xurídicos do municipio. Ante a advertencia dos mesmos e a posibilidade de ser denunciado por prevaricación, o alcalde Fernando Guitián decidiu este xoves  interromper a devandita tramitación, espertando a crítica dos empresarios e da oposición.

Nembargante, o alcalde reiterou a esta Redacción, que a súa administración non está disposta a desenvolver ningún tipo de iniciativa que non conte co veredicto favorable en materia legal dos técnicos responsables. Agregou que por riba,  a axuda que se tramitaba ante a Consellería de Industrias obrigaba a adxudicar e facer a obra antes de finalizar o 2011, algo que resultaba imposible a seu entender pola envergadura do proxecto.

A falla de regularización sectorial do polígono de Vincios, provocou informes desfavorables de Intervención e Secretaría que advertían ao rexedor da posibilidade da cometer un delito penal de graves consecuencias. Segundo o rexedor, os servizos alertaban que o proxecto  implicaba entre outras intervencións a transformación do solo dunha zona aínda non habilitada a tal fin.

Guitián entende que o fracaso de iniciativa non atopará solución ata que o Concello acade o proceso de regularización sectorial do polígono. Nese senso informou que a súa administración está traballando no tema coa Xunta de Galicia de xeito prioritario, mais adiantou que pola súa complexidade e custe non se resolverá a curto prazo. Chegado a este punto, Guitián afirmou: "Yo no voy a prevaricar para ganar una subvención".

Antecedentes

A aspiración de contar cun servizo de banda ancha para as empresas de A Pasaxe xa fracasara no anterior mandato do tamén popular Martín Urgal. En 2009 o Concello presentouse á convocatoria de  Axudas a Parques Empresariais para Concellos en 2010 cun proxecto de fibra óptica. A consellería concedeu 850.000 euros en novembro do ano pasado, pero os requirimentos de informes por parte do Concello ao non contar o polígono con ordenamento urbanístico fixeron que se perdese.

O pasado mes de novembro, a Consellería de Economía e Industria outorgou outra subvención de 234.754,81 euros, para a rede wimax, unha alternativa para obter a banda ancha a través de microondas. Cando o actual goberno municipal asumiu o mandato negociou cos empresarios para que estes pagaran do seu peto a parte económica que a axuda de Industrias non cubría. Logo dunha negociación, segundo o alcalde Guitián, os empresarios accederon  a facelo, pero novamente as deficiencias legais de A Pasaxe, provocaron un informe negativo dos servizos xurídicos, coas consecuencias xa informadas.

A versión dos feitos pola oposición.

A decisión de suspender a tramitación da axuda tomouse horas antes de comezar o pleno da corporación municipal do pasado xoves. A votación do "Plan de implantación modificado. Rede inarámica de servizos de banda ancha no entorno municipal de Gondomar", ocupaba o segundo punto, logo da aprobación da acta da sesión anterior do pleno. De forma intempestiva, a agrupación do PP informou ao resto da corporación que a iniciativa se retiraba da orde do día . "Sen ningún tipo de explicación", asegurou pola súa banda o concelleiro do BNG Antonio Araúxo.  

 Para o BNG trátase dun asunto "cunha longa historia de desleixo e  ineficacia na xestión deste goberno e do anterior."   Se ben esta agrupación comparte que a proposta era de "dubidosa legalidade", acusan ao goberno de formularlla en base a un “refrito” do outro proxecto semellante do goberno  de Martín Urgal.

 A versión nacionalista afirma que aproveitando os informes que tiñan daquela, "solicitaron unha nova subvención á Xunta sobre a base dun novo proxecto cuxo investimento total ascendía  a 311.639,52€, sendo a subvención concedida pola Xunta de 200.000€". A subvención que lle foi  concedida a primeiros de agosto (o día 9) tiña como prazo de execución o 31 de outubro, ampliado posteriormente ata 30 de novembro. "Como lle debeu parecer un esforzo de xestión sobrehumano, o goberno municipal do Sr.Guitián decide solicitar da Xunta o 9 de setembro unha modificación do proxecto  que reduce a subvención concedida a 187.803,85€, co obxecto de reducir dese xeito a cantidade de cartos a chegar polo Concello", continúa o informe do BNG.

Os nacionalistas preguntan "porque non buscaron os cartos que lles faltaban no canto de rebaixar o proxecto?".  Por outra parte, a oposición acusa de falla de xestión á administración de Guitián  pois ademais de ter que pedir os cartos aos empresarios, asegura que o proxecto foi redactado por unha empresa tamén pagada con cartos destes.