Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O BNG presenta dúas iniciativas co fin da afondar o compromiso en políticas sociais do Concello de Gondomar.

O BNG presenta dúas iniciativas co fin da afondar o compromiso en políticas sociais do Concello de Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
Ancianos-7

O BNG presentará no pleno deste xoves dúas iniciativas de carácter social a prol de afondar a implicación do Concello de Gondomar en materia de políticas socias. Nese senso, o concelleiro Emilio García Crego formulará unha moción solicitando un acordo para dirixirse á Consellería de Traballo e Benestar para manifestar o interese do municipio en considerarse partícipe e beneficiario do proxecto "Envellecemento+Activo". Na mesma iniciativa, o edil solicitará á Consellería de Facenda da Xunta de Galicia para que se incremente a dotación orzamentaria para 2012 destinada á cobertura de servizos sociais administrados polos Concellos Galegos.

 

O proxecto Envellecemento + Activo é unha iniciativa que conta con fondos europeos e posta en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar . O programa ten por finalidade principal promover a planificación e utilización conxunta de equipamentos, programas e servizos sociais innovadores para a detección precoz de futuras necesidades de dependencia e a promoción do envellecemento activo e saudable das persoas.

O pasado 23 de novembro a Consellería de Traballo e Benestar anunciou a posta en marcha en Xaneiro do proxecto europeo "Envellecemento+Activo" para a detección precoz da dependencia que, segundo a propia Consellería, contará cun orzamento de 2,3 millóns de euros dos que o 75% serán financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Esta iniciativa está enmarcada dentro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013. Un dos grupos de actividades centrarase na realización de "Experiencias piloto sobre atención da dependencia e autonomía persoal".

Tarxeta Sanitaria

Tamén nesto contexto de iniciativas socias os nacionalistas de Gondomar presentarán no pleno unha moción para instar á Xunta de Galiza a retirar de "xeito inmediato" o Protocolo que desenvolve a polémica Orde de 5 de setembro de 2011, na que se obriga ás persoas dadas de baixa pola Seguridade solicitar unha tarxeta de persoas sen recursos. No entendido que esa solicitude pode tardar en aprobarse entre oito e dez meses, polo que durante todo ese tempo permanecerán sen asistencia gratuíta, e só con dereito a servizos de urxencia e emerxencia. O BNG reclamará restituír todos os dereitos das persoas "que foron prexudicadas polo mencionado Protocolo reactivando as tarxetas anuladas".