Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O pleno de Gondomar debaterá a situación do ensino no municipio a iniciativa dos socialistas.

O pleno de Gondomar debaterá a situación do ensino no municipio a iniciativa dos socialistas.

Correo-e Imprimir PDF

-A agrupación local do PSOE rexistrou tres mocións de cara ao pleno de outubro, preocupados por diversas problemáticas detectadas nos centros de ensino de Gondomar.

-Os socialistas reclaman a restitución do profesorado suprimido nos centros do concello por mor das reformas da Xunta.

-Reclámase á Consellaría de Educación que asuma de forma directa a xestións dos comedores escolares.

Profesores de debuxo que ensinan matemáticas, de historia que ten que afrontar un curso de música, tanto na ESO como no Bacharelato. Moitos dos profesores dos centro de ensino de Gondomar, ao igual que os seus pares do Val Miñor vense enfrontados a impartir materias afíns e as veces non tanto, no presente curso 2011 - 2012. A nova regulación e os recortes en materia de ensino da administración autonómica está a provocar unha "moi importante redución do persoal nos centros educativos", denunciou o grupo de concelleiros socialistas de Gondomar. Por mor disto, o seu portavoz Francisco Ferreira, promove unha moción de cara ao próximo pleno da corporación onde insta á Consellaría de Educación a "repoñer ao profesorado suprimido nos centros educativos do concello".

Ferreira acusa que a diminución de profesores nos centros está a comprometer a calidade do sistema educativo no municipio. Denuncia que os institutos vense na obriga de nomear profesorado para determinadas áreas que non teñen o perfil necesario. Cuestión que "contrasta co incremento do investimento no ensino concertado", alude o concelleiro na exposición de motivos da moción presentada o pasado mércores 28 de setembro ante Rexistro do Concello de Gondomar. A isto, Ferreira agrega a eliminación de "tempos para a preparación de materias e para encargarse do alumnado que precise atención personalizada".

Reclamo para que a Xunta asuma os comedores escolares de Gondomar.

Outro reclamo en materia de ensino, presentado polo PSOE-Gondomar de cara ao pleno de outubro, é a xestión dos comedores escolares dos centros Chano Piñeiro, Donas, Neira Vilas e Vincios de forma directa pola Consellaría de Educación da Xunta de Galicia. De momento, os mesmos están xestionados polas ANPAS coa colaboración do Concello de Gondomar. Os socialistas sinalan que a xestión non pode depender do "voluntarismo" de nais e pais, "para quen a xestión dos mesmos supón unha grande carga que asumen con grandes sacrificios".

Neste senso, Ferreira tamén opina que o propio concello está atravesando unha situación económica "de gran dificultade por mor da crise", polo que é dificultosa a asunción desta obriga pola súa parte.

A preocupación xeral polo tema, é presentada nunha terceira iniciativa na que o PSOE proporá ao pleno de Gondomar a que inste á Xunta de Galicia "a apostar de forma decidida polo sistema educativo público no noso país e dar fin ás políticas de continuos recortes que está a aplicar en materia educativa, nomeadamente no sector público educativo".