Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O TSXG ratifica a condena ao ex concelleiro de Urbanismo de Gondomar Alejandro Gómez Garrido.

O TSXG ratifica a condena ao ex concelleiro de Urbanismo de Gondomar Alejandro Gómez Garrido.

Correo-e Imprimir PDF
O TSXG ratificou a condena ao ex concelleiro de urbanismo de Gondomar, Alejandro Gómez Garrido (PP)

A sala do Civil e o Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso de apelación interposto polo ex concelleiro de Urbanismo do PP en Gondomar, Alejandro Gómez Garrido, e ratificou a condena imposta no seu día pola Audiencia Provincial -tras a celebración dun xuízo con xurado-, que lle impuxo unha multa de 540.000 euros e tres anos de suspensión para exercer cargo municipal por tres delitos de suborno.

Segundo a sentenza dada a coñecer este xoves, o avogado defensor de Gómez Garrido xustificou a súa apelación en que as forzas de seguridade obterían de forma ilícita os números de teléfono que interviñeron, e que serviron como proba de cargo no xuízo para demostrar que o ex concelleiro de Urbanismo, así como outro concelleiro e un arquitecto, estaban involucrados nunha trama que pedía diñeiro a promotores a cambio de favores urbanísticos. Mentres que os outros acusados recoñeceron os feitos e aceptaron a pena imposta, Gómez Garrido sempre defendeu que non tiña relación con eses delitos.

Nembargante, o TSXG considerou que os procedementos utilizados pola Policía para a obtención dos teléfonos non implican vulneración de dereito fundamental algún. Así mesmo, o tribunal recorda que os números intervidos eran doutro dos acusados, o arquitecto Francisco Borja Ramilo,e o ex concelleiro de Cultura, José Luís Mosquera. Xa que logo, esta resolución ratifica a condena ditada para Alejandro Gómez, quen ten agora opción de presentar un recurso de casación ante a sala segunda do Tribunal Supremo.