Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O PSOE formaliza unha moción para que os Plenos de Gondomar se celebren ás 20 horas.

O PSOE formaliza unha moción para que os Plenos de Gondomar se celebren ás 20 horas.

Correo-e Imprimir PDF
Os Plenos Municipais do mandato de Martín Urgal celebráronse ás 9 horas.

O grupo municipal do PSOE Gondomar formalizou unha moción para cambiar a celebración dos Plenos da Corporación Municipal que actualmente se celebran ás 9 da mañá para as tardes. Os socialistas pretenden que o horario sexa ás 20 horas "para así favorecer a participación e asistencia dos veciños na política municipal deste concello", afirman na parte resolutiva do escrito. A iniciativa foi presentada no correr da mañá deste martes 28 de xuño no Rexistro do Concello de Gondomar polo concelleiro Francisco "Paco" Ferreira.

O anterior goberno de Martín Urgal fixou ás 9 da mañá os plenos dende a súa asunción en 2009. O grupo socialista entende que non é apropiada a devandita hora "xa que non favorece de modo algún a participación e asistencia dos veciños." O PSOE opina que ningún grupo político celebraría un mitin a esa hora durante a campaña electoral, pois poucos veciños poderían concorrer. "Entón que sentido ten manter os Plenos ás 9:00 horas da mañá?" preguntase no fundamento da moción, "salvo que este goberno, igual que o anterior, busque que ninguén acuda aos Plenos a escoitarnos, ou a participar da política municipal", especulan.

O cambio de horario dos plenos municipais foi reclamado dende a implantación das xuntanzas matutinas en 2009 pola agrupación municipal do BNG. Días atrás, o alcalde Fernando Guitián en declaracións ao xornal "La Voz de Galicia", manifestaba tamén a súa vontade de deixar de celebrar os plenos pola mañá para facilitar a presenza dos veciños nas sesións do Pleno. A moción presentada polos socialistas permitirá debater e dar solución ao tema no vindeiro Pleno ordinario de Gondomar.