Domingo, 5 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O BNG Gondomar presentou a súa lista de cara ás eleccións de maio de 2011

O BNG Gondomar presentou a súa lista de cara ás eleccións de maio de 2011

Correo-e Imprimir PDF
Emilio García Crego, Xosé Antón Araúxo e mais Milagres Chapela.

Un equipo integrado por profesionais, amas de casa, estudantes, obreiros, autónomos e tamén parados, provenientes das dez parroquias de Gondomar acompañará ao candidato nacionalista Xosé Antón Araúxo na tarefa de recuperar o goberno do concello de Gondomar. O BNG reitera o equipo de concelleiros que administrou o municipio entre 2007 e o 8 de xullo de 2009, “que agora repiten pola súa valía e compromiso demostrados.”, informa Pepe Valverde, responsable local da agrupación. Este núcleo de goberno queda reforzado coa incorporación de Emilio García Crego ex director de Caixanova en Gondomar durante catorce anos e, Milagres Chapela, especialista no mundo da administración de empresas e fundadora do colectivo de mulleres Arealoura.

A lista completa do BNG Gondomar de cara ás eleccións municipais de maio queda integrada da seguinte maneira: Xosé Antón Araúxo(Gondomar), Luisa Varela Nogueiras (Vincios), Pauliño del Río(Peitieiros), Fátima Rodríguez Areal (Borreiros), Emilio García Crego(Mañufe), Mila Chapela (Vilaza), José M. Domínguez (Morgadáns), Ismael Salgueiro (Vincios), Xosé Antón Araúxo Rodríguez (Couso), Pilar Moreira (Donas), Manuela Rodríguez. Pumar (Peitieiros), Anton García (Chaín), Marcos Buceta (Gondomar), Helena Quintas (Vilaza), Alexadre Rodríguez (Portavedra-Mañufe), Neves Gaviño (Borreiros), Xulio Castañal (Gondomar) . Suplentes: Jorge Diz (Donas), Amalia Vicente (Vincios), Xoaquín de Acosta Beiras (Couso), Olga López (Gondomar), Domingos Costas (Donas), Uxía Araujo (Gondomar), Benito Lobariñas (Couso), Marta Dacosta (Peitieiros), Santiago Veloso (Borreiros) e Pepe Valverde (Vilaza).

“Hai catro anos iniciamos a ilusionante tarefa de transformar e modernizar Gondomar. Daquela, o BNG foi quen de recoller as ansias de cambio existentes na sociedade e poñelas en común. A moción de censura freou as expectativas creadas, sumindo o noso Concello no desgoberno e no descrédito.” Con esta introdución Pepe Valverde presentaba as candidaturas locais o pasado sábado, 613 días despois daquela moción de censura liderada polo Partido Popular e apoiada polos catro concelleiros expulsados do PSOE e mais Move Gondomar que rematou a experiencia nacionalista na metade do seu mandato. “Hoxe ninguén dubida do seu fracaso e do innecesario da mesma.”, opinaba Valverde. “Agora temos que recuperar entre todas e todos a ilusión polo traballo en común –que é a razón de ser dun Concello- botar a andar os proxectos perdidos pola desidia dun goberno ilexítimo e pensar noutros novos” reflexionou.

Na presentación da lista, Pepe Valverde adiantou algúns temas e propostas que estarán na axenda electoral do Bloque:

Pleno municipal e PXOM

“O primeiro será devolverlle o protagonismo á veciñanza facéndoa partícipe da política municipal, de entrada os plenos teñen que volver ás oito da trade. O PXOM non pode ser cousa de catro “entendidos”, e cómpre abrir o debate público sobre o modelo urbanístico que queremos.”

Parque empresarial A Pasaxe

“Hai que traballar afondo para rematar o Polígono Industrial da Pasaxe na dirección do feito cando o mandato do BNG.”

Saneamento e política de investimentos

“O saneamento debe chegar a todos os lugares do Concello da man das entidades veciñais e contratando as obras en Gondomar como fixemos co primeiro Plan E (3 millóns de euros xestionados desa maneira).”

Paseo Fluvial e Carril Bici.

“A Vila de Gondomar ten que ser un dos motores principais do Concello e sobre todo ten que ser un lugar de encontro, humanizándoa pensando nas persoas maiores e nos máis pequenos. Construír o paseo fluvial pola beira do Río Miñor e facer realidade o carril bici ata A Ramallosa, como deixamos proxectado, será prioritario para un goberno municipal presidido polo BNG.”

Perfil do equipo do BNG

“Para levar isto adiante o BNG presenta unha equipa que combina experiencia no goberno con experiencia política, e sobre todo trátase de persoas cun compromiso ético máis que demostrado nestes anos a prol da sociedade que queremos representar. En resumo, trátase de unha equipa formada por homes e mulleres representativos da sociedade actual de Gondomar e do que hoxe é o BNG. Homes e mulleres dispostos a traballar por Gondomar dende xa mesmo. A nosa candidatura combina a representación das parroquias cos diferentes sectores sociais: a mocidade, a muller, os parados/as, etc. Nela teñen representación dende profesores a enxeñeiros e médicos, pasando por estudantes, amas de casa, traballadores da industria, pequenos comerciantes, ou parados.”

Morgadáns

O sábado pasado tamén foi proclamada a candidatura de Xaime Luxilde polo BNG a Entidade Local Menor de Morgadáns. Luxilde é actualmente o único vogal da oposición en funciones na administración parroquial e ten levado nestes catro anos unha intensa campaña de fiscalización e denuncia das irregularidades administrativas desa administración. Neste caso Pepe Valverde expresou que “O BNG sempre apostou para Morgadáns por candidatos de primeira liña, pois acreditamos na utilidade desta institución ata agora dirixida por personaxes mediocres e de dubidosa capacidade política.”