O gondomareño, Xosé Antonio Araúxo, coordinador nacional de ANOVA inicia esta tarde unha intensa xira polo Val Miñor e o Baixo Miño para presentar as propostas electorais de Alternativa Galega de Esquerda (AGE). O ex alcalde nacionalista de Gondomar, percorrerá distintos puntos da xeografía do sur de Pontevedra, acompañado principalmente de candidatos locais que integran a coalición de esquerdas que lideran Xosé Manuel Beiras (ANOVA-Irmandade Nacionalista) , Yolanda Díaz (EU) así como os partidos EQUO Galicia e Espazo Ecosocialista Galego
Araúxo que abandonara as filas do Bloque xunto có Encontro Irmandiño de Beiras e outros nacionalistas independentes logo da XIII Asemblea Nacional do BNG, comezará o periplo electoral da nova coalición de esquerdas nesta xornada cun mitin na Praza de Abastos de Baiona ás 20:30 horas, onde estará acompañado polo coordinador de Esquerda Unida de Nigrán, José Cuevas e o historiador e arqueólogo nacionalista Xosé Lois Vilar (Baiona).
A axenda de Araúxo continuará o xoves 11 en Nigrán, cun acto ás 20:30 horas no CEIP Humberto Juanes. Nesa ocasión, tamén o acompañará José Cuevas (EU Nigrán) onde intervirán o militante social nacionalista Xosé Crego (Nigrán) e Chelo Martínez (ANOVA), número 2 na lista pola provincia de Pontevedra de AGE.
O venres 12 acompañado de Gabriela Ladredo e Rosa Darriba, Araúxo presentarase no Centro Cultural d'A Guarda ás 20 horas. O sábado xunto a Pachi Alonso e novamente con Rosa Darriba no Centro Multiusos de Goian, ás 20:30 horas. A campaña polo Baixo Miñor - Val Miñor, continuará no Colexio Mestre Manuel García de Oia, coa presenza de Araúxo, xunto a Rosa Darriba e o tamén gondomareño Josué Villar (EU). Este acto terá lugar o martes 16 ás 20:30 horas.
Finalmente, a xira electoral rematará en Gondomar, cun acto central no Auditorio Municipal Lois Tobío o día mércores 17, ás 20:30 horas. Nesta ocasión estará presente o candidato número 1 de AGE por Pontevedra, Juan Fajardo (EU), quen presentará as propostas da coalición de esquerdas xunto cos tres candidatos miñoranos e veciños de Gondomar, Nuria Andión (ANOVA), Josué Villar (EU) e máis Xosé Antonio Araúxo .