Venres, 22 Nov. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Especiais Eleccións 21-O Araúxo (ANOVA) e Villar (EU), presentan a Alternativa Galega de Esquerda no Val Miñor.

Araúxo (ANOVA) e Villar (EU), presentan a Alternativa Galega de Esquerda no Val Miñor.

Correo-e Imprimir PDF
J.Cuevas, X.A.Araúxo, N.Andión e J.Villar, integrantes da lista da AGE por Pontevedra.
IMG 5258
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

-A coalición formada por ANOVA e Esquerda Unida e liderada por Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, presentou as súas propostas para Galicia e o Val Miñor.

A recuperación da Foz, o freo da especulación urbanística, a mellora do transporte público, peaxe gratuíto na autoestrada da bisbarra, a dinamización do Polígono d'A Pasaxe e o novo Hospital de Valadares como referencia para o Val Miñor, son as principais propostas presentadas por Alternativa Galega de Esquerda (AGE), este venres nunha rolda de prensa celebrada en Gondomar. Xosé Antonio Araúxo polos nacionalistas de ANOVA e Josué Villar en representación de Esquerda Unida, foron os encargados de transmitir aos medios as propostas e características desta coalición formada cara ás eleccións autonómicas do vindeiro 21 de outubro.

O proxecto político da AGE: "aire limpo" para a política galega.

Durante a súa intervención, Araúxo definiu á AGE como "o aire limpo que a política galega necesitaba". Admitiu que a coalición é "unha novidade pola súa composición que uñe a culturas políticas historicamente separadas", como é o caso da esquerda nacionalista galega e a española, en clara referencia a ANOVA e EU. Salientou que o acordo foi posible grazas a que ambas as dúas colectividades entendían que a sociedade galega do século XXI necesita dunha opción plural, integradora e que motive a participación dos cidadáns na política dun xeito máis democrático e próximo as súas necesidades.

Propostas para facer fronte á crise: procurar os cartos alí onde está "os que non se tocan".

Pola súa banda, Josué Villar salientou a necesidade de saír da crise económica a través dun modelo democrático que procure os cartos "que están, nese lugar onde nunca se tocan". Nomeadamente propuxo a aplicación da taxa do IBI ao patrimonio da Igrexa, os impostos progresivos, o patrimonio das "clases ricas" e na loita contra o fraude fiscal. Con esas medidas, Vilar entende que poderase manter os "servizos públicos de calidade e xerar emprego". Para iso, a AGE comprométese a trocar a actual filosofía de mercado que rexe a economía, por unha que se centre nas necesidades das persoas.

Medidas de urxencia social e proxecto anticrise.

Villar fixo referencia a unha redución da xornada laboral a 36 horas, co xeito de ampliar as oportunidades de traballo. A "democratización" das empresas, con normas que permitan a participación dos traballadores na súa xestión. Ao mesmo tempo, sinalou que débese apoiar dende a administración autonómica aos sectores estratéxicos para Galicia como o labrego e o naval.  No mesmo senso destacou a necesidade dunha banca pública dirixida a financiar as pequenas e medianas empresas "que son as que xeran a riqueza do país".

Renda básica de subsistencia e unha Axencia Galega de Vivenda para evitar a marxinación social.

Dentro dun feixe de medidas urxentes a aplicar, AGE propón a creación dunha Axencia Galega de Vivenda, que garanta á poboación o dereito a unha vivenda digna. Tamén nese marco de urxencia, propugnan o establecemento dunha "renda básica de subsistencia" para todas aquelas persoas con risco de exclusión ou marxinación social, por non ter ningún tipo de ingreso no núcleo familiar.

O Val Miñor "non é unha illa", pero ten necesidades específicas.

"O Val Miñor non é unha illa no país", afirmou Araúxo ao ser consultado sobre medidas concretas para a bisbarra. Agregou que dentro das necesidades específicas que ten a comarca, AGE entende prioritario apostar pola "economía real" e "produtiva", que no caso miñorano pasa por pór en marcha e ordenar dunha vez o polígono industrial d'A Pasaxe".

As medidas medioambientais tamén son prioridade para a coalición, que salientou a necesidade de preservar da especulación urbanística ao litoral, especialmente en Monteferro. Opinou que é urxente  a recuperación e posta en valor da Foz do Miñor, e para todo iso a ferramenta principal son os Plans Xerais de Ordenamento Municipal, "en stand by", nos tres concellos.

Neste plano, a "mobilidade das persoas" fará sustentable o proxecto, salientou Araúxo. "O goberno galego debe tomarse en serio o transporte de viaxeiros". Reclamou para o Val Miñor un transporte "acaído aos tempos que corren" que o comunique con Vigo, a Universidade e entre nós mesmos".  Reclamou o troque da autoestrada do Val Miñor de "negocio" a "elemento vertebrador" da bisbarra, e para iso opinou que só coa eliminación dos peaxes internos será posible facelo.

Para rematar, o concelleiro Araúxo reclamou que o novo hospital que se está a construír en Valadares sexa "público na súa construción e xestión", así como que ten que ser "o hospital de referencia para o Val Miñor". "Non se podería entender que os veciños do Val Miñor pasáramos polo hospital de Valadares par ir a Povisa",engadiu.

Ilusión en que o 21-O "haberá sorpresas".

Os dous expositores mostráronse ilusionados coas "expectativas que espertou esta nova coalición" na cidadanía neste primeiro mes de vida.  Amosáronse seguros de que o 21 de outubro "haberá sorpresas" con esta nova forma de entender e facer a política que propón a esta coalición de esquerdas.

 

Dim lights Embed Embed this video on your site