Martes, 15 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Sociedade O Colexio de Xornalistas reclama á Consellería de Sanidade transparencia sobre os datos da COVID-19

O Colexio de Xornalistas reclama á Consellería de Sanidade transparencia sobre os datos da COVID-19

Correo-e Imprimir PDF

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), remitiu esta semana unha carta ao recentemente nomeado como conselleiro de sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña. Na misiva, tras darlle os parabéns e desexarlle éxito no cargo, o decano do CPXG exprésalle a súa preocupación polas dificultades que están a ter os e as xornalistas para acceder á información no cadro da crise sanitaria da COVID-19.

O Colexio de Xornalistas lembra que a Xunta de Galicia ten o deber de divulgar todos os datos sobre a pandemia de maneira accesible para toda a cidadanía, e que o artigo 20 da Constitución Española recoñece o dereito a comunicar ou recibir libremente información veraz por calquera medio de difusión. A libre disposición dos datos sobre a pandemia para os medios e a cidadanía en xeral permitiría ás e aos profesionais da información analizar toda unha serie de elementos epidemiolóxicos, socioeconómicos e demográficos que poden contribuír a entender mellor o desenvolvemento da pandemia.

Porén, Galicia é neste momento, xunto a Estremadura, a autonomía máis opaca do Estado na comunicación de datos sobre a Covid-19, e só algúns autos xudiciais feitos públicos polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia permiten coñecer parcialmente algúns datos pormenorizados sobre a enfermidade, o que provoca ademais unha disparidade na información dispoñíbel.

Por todo isto, o decano do Colexio de Xornalistas solicítalle ao conselleiro de sanidade que todos os datos nos que se basean as decisións que está a tomar a Consellería de Sanidade sexan abertos para a súa consulta tanto para os e as xornalistas como para a poboación en xeral. En concreto, reclámase coñecer os casos novos diarios, o tipo de test polo que foron obtidos ou a incidencia acumulada nos diferentes municipios e dispoñer desta información en formatos de datos abertos e reutilizables, inseridos en series históricas completas, que que permitan un seguimento puntual da incidencia da COVID-19 como o que se está a facer na maioría das Comunidades Autónomas.