Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Sociedade Avelaíña medra e precisa máis espazo para traballar no Val Miñor.

Avelaíña medra e precisa máis espazo para traballar no Val Miñor.

Correo-e Imprimir PDF
visita-Carmen-Alonso-Avelai


O local da rúa Cruz de Mera, na vila de Gondomar quédalle pequeno á Asociación Avelaíña. Esta entidade sen fins de lucro que traballa na atención e inclusión social das persoas con problemas mentais, necesita de xeito urxente emprender accións na pescuda dun novo centro de rehabilitación, así como a posta en marcha dun piso supervisado e unha miniresidencia que dea cobertura aos seus pacientes do Val Miñor.

Así llo fixo saber o seu xerente, Rafael Álvarez, á concelleira Carmen Alonso Macías (Benestar e Sanidade) do Concello de Nigrán, durante a súa visita ás instalacións do Centro de Rehabilitación Psicosocial. O incremento de usuarios da bisbarra fai que o actual local de aluguer co que Avelaíña conta para as súas actividades se quede pequeno.

Durante a visita, a concelleira estivo acompañada polo xerente da Asociación, Rafael Álvarez e o vicepresidente, Serafín Villanueva. Ambos os dous representantes mostráronlle a situación real do colectivo e o labor que a entidade desenvolve no Val Miñor.

Alonso, interesouse, ademais por coñecer as actividades que se realizan no Centro, á vez que compartiu impresións cos usuarios e traballadores, adiantando o seu apoio e boa disposición.

A Asociación Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo potenciar a inclusión social das persoas con enfermidade mental na provincia de Pontevedra.

Os servizos que ofrece no Val Miñor, ademais de rehabilitación psicosocial e laboral, son de atención domiciliaria, escola de familias, programas de respiro familiar, orientación á comunidade, asesoramento xurídico e orientación laboral, entre outros.