Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Sociedade A partir do vindeiro luns comeza a campaña de vacinación contra a gripe.

A partir do vindeiro luns comeza a campaña de vacinación contra a gripe.

Correo-e Imprimir PDF
Cartel-antigripal-2011

-Dende a Consellería de Sanidade solicítase á poboación de toda a área que non acuda masivamente nos primeiros días, xa que hai tempo suficiente para atender a todas as persoas que o soliciten.

A Consellería de Sanidade iniciará o vindeiro luns 3 de outubro en Vigo e a súa área de influencia a campaña de vacinación antigripal e antipneumocócica, que estará vixente ata o 19 de novembro de 2011. A campaña terá unha duración de sete semanas, polo que os colectivos de risco de Vigo e a súa área de influencia terán ata o 19 de novembro para poder vacinarse.

Ao longo da campaña poderán vacinarse todas as persoas de 60 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco. Inclúense nestes as persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares, respiratorias, neuromusculares; as persoas con enfermidades metabólicas, renais, hepáticas ou hematolóxicas crónicas; as persoas con inmunodeficiencias; as persoas con obesidade mórbida; e as mulleres embarazadas nas que o seu embarazo coincida coa temporada de gripe.

Inclúense tamén os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco na provincia, como os traballadores de centros sanitarios e sociais; e tamén as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros; as que pola súa ocupación poden estar en explotacións ou matadoiros de aves ou porcos; e os viaxeiros internacionais.

A Consellería de Sanidade fai este ano un chamamento especial para promover a vacinación dos traballadores dos centros sanitarios, pola importancia da inmunización neste colectivo para reducir as posibilidades de transmisión da enfermidade ás persoas que coidan ou atenden, ademais de valorar o beneficio individual que achega esta vacina.

125 puntos de vacinación

A área de Vigo conta nesta campaña con arredor de 125 puntos de vacinación: todos os centros de saúde e consultorios; os centros hospitalarios públicos; os hospitais e consultas médicas privadas; as residencias e centros para a terceira idade; as unidades asistenciais de drogodependencias; os centros penitenciarios; e os centros de atención a discapacitados.

Os interesados en vacinarse deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación onde lle informarán de cómo e onde solicitar a cita. As persoas con 60 ou máis anos, así como aquelas que sufran enfermidades crónicas, deben acudir ao seu médico de cabeceira ou centro de saúde onde serán informados das vacinas que deben recibir.