Xoves, 2 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Sociedade Nais e Pais Separados solicitan a Xunta incluír a custodia compartida en caso de ruptura de parella.

Nais e Pais Separados solicitan a Xunta incluír a custodia compartida en caso de ruptura de parella.

Correo-e Imprimir PDF
A Asociación de Nais e Pais Separados na xuntanza co conselleiro Alfosno Rueda.

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, mantivo onte un encontro cos representantes da Asociación Galega Nais e Pais Separados, que lle trasladaron a posibilidade de incluír  como prioritaria a custodia compartida en caso de ruptura da parella, un dos asuntos que é obxecto de estudo por parte dun dos grupos de traballo da Comisión de Dereito Civil. Rueda segue ca rolda de contactos para abordar a reforma da lei do dereito civil de Galicia, que deu comezo o pasado día 11 de abril co encontro coa secretaria da Muller e de Políticas de Igualdade de Comisións Obreiras, Mabel Pérez, e posteriormente o día 18 de abril, cos representantes da asociación Custodia Compartida en Galicia xa!, Jesús Orois e Alberto Díaz, que reclaman a custodia compartida coma opción preferente ante situacións de separación ou divorcio.

O Goberno galego volveu poñer en marcha o pasado verán a Comisión de Dereito Civil de Galicia, para tomarlle o pulso á lei e analizar a posibilidade da súa reforma para incluír as principais novidades relacionadas coa materia acontecidas nos últimos anos. A Consellería de Presidencia creou nove grupos de traballo compostos por expertos na materia, que xa ultiman as seus informes relativos a asuntos como os dereitos reais, os contratos, a compañía familiar galega, as parellas de feito ou os montes en mancomún.

Ademais da custodia compartida, os grupos traballan en asuntos como o dereito de sucesións, a protección de menores, o réxime económico familiar ou os dereitos reais. Hai que recordar que o Dereito Civil Galego regula aspectos tan importantes na vida dos cidadáns como o acollemento, as adopcións, as servidumes de paso ou os testamentos e os pactos sucesorios.

Comisión Superior Dereito Civil

A Xunta volveu a poñer en marcha a Comisión Superior para o estudo do desenvolvemento do Dereito Civil Galego o pasado mes de agosto, tras oito anos sen reunirse. Forman parte dela o conselleiro de Presidencia, a secretaria xeral da Consellería, o director xeral de Xustiza, a directora da Asesoría Xurídica e tres vogais nomeados polo conselleiro, que son o concelleiro de Contas e ex conselleiro de Xustiza, Xesús Palmou; o avogado Nemesio Barxa, e o profesor de Dereito Civil e alcalde de Ares, Julio Iglesias.

Tamén están representados no órgano o Consello da Cultura Galega, o Consello da Avogacía de Galicia; o Colexio Oficial de Rexistradores da Propiedade e Mercantís; o Colexio Notarial de Galicia; a Academia de Xurisprudencia e Lexislación; o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; e as tres universidades galegas.