Xoves, 21 Nov. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Sociedade Este Nadal nin un neno sen sorriso: Baiona impulsa o deporte solidario.

Este Nadal nin un neno sen sorriso: Baiona impulsa o deporte solidario.

Correo-e Imprimir PDF
Deporte Solidario Baiona

O Concello de Baiona recolleu a inquietude de diversas entidades, clubs, monitores e deportistas sobre a necesidade de atender aos máis necesitados e quere consolidar a data do 23 de decembro como o Día do Deporte Solidario na vila. Nesta segunda edición das Xornadas de Multideporte, baixo o lema “Este Nadal nin un neno sen sorriso”, está previsto que os escolares de entre 5 e 12 anos gocen dunha xornada multideportiva nas dependencias municipais, e os maiores de 12 anos poderán participar nunha marcha solidaria que cubrirá o traxecto comprendido entre Baiona e a Foz, e viceversa.

O obxectivo é dobre, xa que pretende minimizar as necesidades daqueles que menos teñen, e ao mesmo tempo, concienciar os deportistas destas necesidades e poñer en valor os esforzos que moita xente fai a favor dunha vida mellor.

Os organizadores non só pretenden institucionalizar o 23 de decembro como xornada do deporte solidario en Baiona, senón facela extensible a todo o Val Miñor e que poidan participar o maior número de colectivos, entidades, empresas, voluntarios, deportistas, etc. que queiran sumarse á iniciativa.

Os promotores desta idea puxéronse en contacto cos servizos sociais dos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar para saber que necesidades son as máis demandadas entre as familias máis necesitadas do Val Miñor. As doazóns serán distribuídas a través de Aldeas Infantís e a Asociación Caritas.

A segunda xornada desenvólvese o próximo día 23 de decembro dende as 10.30 h ata as 13.30 h tendo os interesados en participar que entregar no Pavillón Municipal de Baiona unha folla de inscrición cuberta por cada participante e describir que doazón fai á xornada para a súa posterior distribución entre os servizos sociais dos concellos do Val Miñor, Caritas e Aldeas Infantís.

A proposta xa conta con moitas entidades, empresas, Clubs, deportistas, técnicos e colaboradoras pero esta aberta a todas aquelas persoas que queiran axudar.