Xoves, 18 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía As arcas provincias fornecerán 150 becas de mobilidade por valor de 1000€ a universitarios de Erasmus+.

As arcas provincias fornecerán 150 becas de mobilidade por valor de 1000€ a universitarios de Erasmus+.

Correo-e Imprimir PDF
silva-salustiano-convenio-erasmus

A Deputación asina un convenio coa Universidade de Vigo para impulsar a mobilidade do alumnado con menores recursos económicos dos campus de Pontevedra e Vigo.
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, destacou que "a Deputación de Pontevedra achega á Universidade de Vigo 150.000 € para que se poidan levar a cabo 150 mobilidades do alumnado universitario con menos recursos económicos"

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou esta mañá, xunto co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, un convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial achega 150.000 € para impulsar a mobilidade do alumnado dos campus de Pontevedra e Vigo no marco do programa Erasmus+.
Carmela Silva manifestou que "consideramos necesario que a Deputación de Pontevedra achegue á Universidade de Vigo 150.000 € para que se poidan levar a cabo 150 mobilidades do alumnado universitario con menos recursos económicos que sexa seleccionado nas convocatorias de Erasmus+ estudios, para a realización de estudos en diferentes universidades europeas, e Erasmus + prácticas formativas en empresas e institucións doutros países europeos durante os cursos 15-16 e 16-17". En total serán 150 bolsas, de 1.000 € cada unha, que serán asignadas segundo a nota media do expediente académico.
Este convenio, "o primeiro – segundo declarou Silva- dunha serie de convenios que asinaremos no marco do protocolo de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo", está enmarcado no compromiso do novo goberno da Deputación de Pontevedra de promover e fomentar o emprego, apoiar os emprendedores, impulsar o desenvolvemento económico da provincia, así como apostar pola formación para impulsar a empregabilidade. Neste contexto Carmela Silva destacou: "síntome moi satisfeita de que desde esta institución poidamos favorecer a mobilidade internacional do estudantado, permitindo, así, unha maior e mellor formación, adecuada ao mundo global e ao mercado laboral, mellorando, en definitiva, a formación das nosas e os nosos estudantes para facer fronte a un mundo máis complexo".
Nos últimos anos o número de estudantes da Universidade de Vigo que gozaron dunha bolsa Erasmus descendeu debido á diminución por parte do Ministerio de Educación do importe da bolsa, financiando só un máximo de 5 meses aínda que se trate de estadías anuais. Neste sentido o reitor da Universidade, Salustiano Mato, asegurou que "grazas á firma deste convenio estamos a conseguir que a educación sexa universal para todas e para todos, rompendo coas barreiras económicas e sociais para que o estudantado con menos recursos económicos poida aproveitar as oportunidades que lle ofrece o programa de mobilidade Erasmus+ para completar a súa formación de forma integral e completa".