O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 16 de outubro. Os concellos Baiona, Gondomar e Nigrán poden optar a esta liña de axudas ao atoparse nos municipios da provincia de Pontevedra de menos de 20.000 habitantes
Os concellos da provincia de Pontevedra de menos de 20.000 habitantes poderán solicitar, a partir de mañá e ata o venres 16 de outubro, unha ampliación da subvención destinada a reforzar o servizo de axuda no fogar durante o ano 2015.
A ampliación desta liña de axudas, e acaba de ser aprobada pola Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra. Permitiralles ás entidades locais seguir ofrecéndolles atención no seu propio domicilio ás persoas e unidades familiares que o precisen.
A deputada provincial de Benestar Social, Eva Vilaverde, considera necesaria esta ampliación ante "as crecentes demandas procedentes dos concellos, que nalgúns casos non podían atender solicitudes de urxencia e nos peores tiñan que proceder a dar de baixa a usuarias e usuarios".
Mediante esta liña de axuda subvenciónanse os gastos de retribucións de Seguridade Social do persoal auxiliar do servizo de axuda no fogar, así como o gasto do material propio do servizo, coma luvas, batas, pixamas e zocas. Este servizo pode xestionarse directamente ou mediante algunha das formas previstas na lexislación de contratos do sector público.
O importe da transferencia ós concellos determínase establecendo unha contía máxima de 2.358,49 euros para cada un dos 53 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. No caso de que o número de solicitudes non cubra as cantidades máximas ofertadas a subvención repartiríase equitativamente entre todos os solicitantes ata chegar, como máximo, á contía reflectida no formulario de solicitude.