Domingo, 10 Nov. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía Conflito laboral nos supermercados Lidl de #Vigo.

Conflito laboral nos supermercados Lidl de #Vigo.

Correo-e Imprimir PDF
ciglidl

Persoal dos supermercados Lidl de Vigo mobilízase en demanda dun convenio colectivo galego

O sindicato galego denuncia que a empresa quere negociar un acordo propio a nivel estatal "que suporá a perda de 3000 euros anuais por traballador/a", denuncian.
Un nutrido grupo de traballadores dos supermercados Lidl de Vigo mobilizáronse hoxe diante do establecemento da Avenida da Florida convocados pola CIG-Servizos para reclamar un convenio colectivo de ámbito galego. Dende a central denuncian que a empresa de alimentación pretende negociar un acordo propio a nivel estatal que suporá a perda de 3000 euros anuais e media por cada traballador.

A protesta, na que participaron arredor dun cento de persoas, consistiu nunha concentración ás portas do supermercado da Avenida da Florida que se desenvolveu a partir das 12.00 horas, onde as empregados despregaron unha faixa reclamando un convenio galego e fixeron soar silbatos.

Dende a federación de Servizos da CIG de Vigo explican que a mobilización forma parte dunha campaña acordada a nivel nacional que incluirá concentracións en todas as comarcas do país para solicitarlle á dirección que aplique o mesmo acordo negociado en Euskal Herria. Esta petición xa foi realizada mediante un escrito remitido á empresa que foi asinado por delegados de todos os sindicatos con representación na compañía en Galiza.

O pacto acadado coas centrais vascas supón respectar as condicións dos convenios provincias, regular a mobilidade xeográfica e funcional e pactar as modificacións substanciais das condicións de traballo.

Pola contra, a empresa pretende negociar un convenio colectivo propio a nivel estatal por debaixo dos provinciais para poder competir coas outras cadeas de alimentación que teñen convenios propios, o que suporá a perda de 3000 euros anuais de media para cada traballador/a. "Non hai que esquecer que estamos a falar de empresas nas que o 90% do persoal, formado maioritariamente por mulleres, ten contrato a tempo parcial", indican dende a central.

Finalmente, critican que a empresa se reunise xa a nivel estatal con CCOO e UGT sen ter avisado á CIG e sospeitan que en breve "presentarán un convenio colectivo propio estatal".