Luns, 6 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía A reforma de Balaídos detrae 20 millóns de euros máis das arcas de Vigo e a Deputación de Pontevedra.

A reforma de Balaídos detrae 20 millóns de euros máis das arcas de Vigo e a Deputación de Pontevedra.

Correo-e Imprimir PDF
08-07-Convenio-Balaidos-ori

Tanto a deputación como o Concello de Vigo xa tiñan comprometidos 5 millóns de euros cada un a prol da reforma do campo de fútbol de Balaídos. Na mañá deste xoves e ante a presenza do presidente do Celta, aumentaron en 10 millóns cada un a achega do erario público das súas respectivas administracións. A sinatura do convenio tivo lugar no propio Balaídos.
Louzán e o alcalde vigués, Abel Caballero, estamparon as súas firmas no documento e elixiron como escenario o mesmo centro do terreo de xogo, en Balaídos, co presidente do Celta, Carlos Mouriño, como testemuña do acordo, xunto a outras autoridades locais e a directivos de clubs de fútbol da cidade.


O convenio especifica que o Concello e a Deputación sumarán outros 10 millóns de euros (cada institución) ós 5 que xa están consignados tanto no Concello coma na institución provincial.
"Esta firma garante o 100 % do financiamento das obras", sinalou Rafael Louzán. O acordo asinando tamén implica ás dúas institucións noutras melloras pendentes na rede de 14 campos de fútbol de herba sintética construídos pola Deputación en Vigo.
Louzán referiuse ó "novo Balaídos" como "o estadio de fútbol que Vigo e o Celta se merecen, un estadio do século XXI". Tamén se felicitou polo entendemento entre as institucións local e provincial. "O proxecto é un bo exemplo de como a colaboración e o traballo conxunto entre as administracións é fundamental para que os proxectos saian adiante", precisou.
Agradeceu o esforzo realizado durante as negociacións polo vicepresidente da Deputación José Manuel Figueroa e polo concelleiro de Deportes de Vigo, Manel Fernández. Lembrou que este mesmo mes se cumpre un ano desde que a Administración provincial anunciou publicamente a súa intención de colaborar na reforma de Balaídos, completando o proxecto inicialmente anunciado polo Concello (que afectaba ás dúas bancadas centrais) e estendéndoo ós laterais ata completar unha rehabilitación integral do inmoble.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou que esta mesma semana licitará o proxecto para reformar a seguinte bancada e tratará de "acelerar" ó máximo os trámites para rematar todos os traballos ó comezo da temporada 2017-18.
Tamén aludiu á súa intención de "sumar", ó longo dos próximos meses, a outras institucións públicas e privadas para que contribúan ó financiamento do proxecto. Se isto sucedese ese "aforro" dividiríase a partes iguais entre a Deputación e o Concello.