Sábado, 20 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía A película “A praia dos afogados” recibiu máis de 200 mil euros da Xunta para a súa realización.

A película “A praia dos afogados” recibiu máis de 200 mil euros da Xunta para a súa realización.

Correo-e Imprimir PDF
jacobo sutil

A través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) a Xunta  decidira en 2013 cofinanciar o proxecto do filme “A praia dos afogados” que se está a levar a cabo en distintos concellos pontevedreses, entre eles Nigrán, baixo a dirección de Gerardo Herrero e a cargo da produtora galega Foresta Films. A cifra foi dada a coñecer trala visita de Jacobo Sutil, director da AGADIC este martes á antiga comisaría de Nigrán, onde se estaban a rodar escenas do largometraxe.

O proxecto foi presentado pola Xunta como “cofinanciado pola Consellería de Cultura e Educación” coa concesión en 2013 de 208.078,64 euros a través das subvencións da Agadic á produción de longametraxes cinematográficas en lingua galega”, sinala o comunicado emitido pola consellaría horas despois da visita de Sutil. Con este apoio, salienta que se fixo posible levar “á gran pantalla a premiada obra do mesmo título do autor vigués de novela negra Domingo Villar.”

Na vella comisaría de Nigrán

Durante a visita, Jacobo Sutil, compartiu co equipo técnico e artístico uns momentos da filmación levada a cabo nas dependencias da antiga comisaría de Nigrán, onde teñen lugar algunhas das escenas da película. Alí comprobou o momento da produción no que se atopa a fita protagonizada polo actor Carmelo Gómez, quen encarna o personaxe central do inspector Leo Caldas, xunto a un elenco que conta con Antonio Garrido no papel de Estévez e cos galegos Marta Larralde, Celia Freijeiro, Tamar Novas, Pedro Alonso, Luis Zahera, María Vázquez e Carlos Blanco.

A película conta con apoios da TVG, TVE e o Instituto do Cine.

‘A praia dos afogados’, que entra estes días na súa quinta e penúltima semana de rodaxe en diferentes localizacións dos municipios de Vigo, Nigrán, A Guarda e O Rosal, é unha coprodución de Foresta Films con Tornasol Films e Milou Films, na que ademais da Xunta de Galicia participan Televisión de Galicia (TVG), Televisión Española (TVE) e o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA).

O guión, escrito polo propio Domingo Villar xunto a Felipe Vega, baséase na novela homónima publicada en 2009 por Editorial Galaxia, considerada como unha das obras máis representativas do xénero negro en Galicia. A trama desenvólvese a través da investigación policial que se xera despois da aparición do cadáver dun mariñeiro nunha praia de Panxón.