Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía O BNG presenta iniciativa para evitar os cortes do servizo eléctrico a familias en situación de pobreza.

O BNG presenta iniciativa para evitar os cortes do servizo eléctrico a familias en situación de pobreza.

Correo-e Imprimir PDF

-O BNG reclama ao alcalde de Gondomar que trate no Pleno unha moción que garanta o subministro enerxético ás familias que estean en situación de pobreza.  Os nacionalistas esixen un acto de sensibilidade cando medra o número de familias que carecen deste servizo pola imposibilidade de facer fronte ao pago das facturas da luz.

Medidas lexislativas e “prácticas” para evitar máis dano os fogares en situación de pobreza.

O BNG de Gondomar presentou no Concello a solicitude de que se trate unha moción no vindeiro pleno cara a  garantir o subministro enerxético ás familias que estean en situación de pobreza. O acordo que solicitan os nacionalistas -sen representantes no actual pleno de Gondomar- esixe a elaboración dun petitorio ao goberno español para que desenvolva as reformas lexislativas necesarias, á vez que solicita “medidas prácticas” que eviten “as dramáticas consecuencias desta problemática nos fogares galegos máis desfavorecidos”.

Creación dunha “tarifa eléctrica galega”.

Por outra banda, a iniciativa do BNG demanda do Goberno do Estado español que non incremente o recibo da luz para o 2014, e que permita  a creación dunha “tarifa eléctrica galega “ que, atendendo á condición de Galicia como excedentaria na produción de electricidade, posibilite unhas menores tarifas tanto para o consumo doméstico como para as empresas.

En 2012 duplicouse o número de cortes do servizo a familias

O BNG agarda que “o Alcalde teña a sensibilidade de levar esta moción ao pleno”, pois a situación que se pretende evitar “é unha realidade alarmante que pode verse acrecentada coa nova suba da tarifa”. Os nacionalistas sinalan que só en 2012 “duplicouse o número de familias ás que se lles cortou o subministro de luz por impago”.

Os números da pobreza

Con cifras similares ás xa aportadas por organismos como Cáritias ou a Rede Galega Contra a Pobreza ,  o BNG salienta que en Galicia “hai máis de 650.000 persoas que están en situación de pobreza e 120.000 en estado de pobreza severa; hai 93.000 fogares con todos os seus membros no paro e existen máis de 33.000 fogares sen ningún tipo de ingresos, confirmando datos terríbeis de pobreza infantil que no Estado español acada a cifra de 2,2 millóns de nenos e nenas por baixo do limiar da pobreza ou que 6 de cada 10 familias chegan con maiores dificultades a fin de mes”.

Neses senso sinalan que os “constantes recortes do PP en todos os ámbitos (servizos públicos e sociais, prestacións por desemprego) e o encarecemento da enerxía provocan cada vez máis vítimas da política de desamparo que desenvolven os gobernos do PP no Estado e na Xunta de Galiza contra a cidadanía en xeral”. 

Chamado ao goberno local

Por iso, para o BNG, o goberno local “non só debe garantir por medio da administración municipal e dos servizos sociais públicos o apoio ás persoas que o precisaren, senón que tamén debe impulsar diante do Estado español e da Xunta de Galiza iniciativas para que a prestación de servizos básicos destinados aos grupos máis desfavorecidos estea garantida”.

Galicia produce máis enerxía ca que consume.

Os nacionalistas denuncian que o goberno do Estado español xustifica “o fortísimo incremento do recibo da luz dos últimos anos nun suposto déficit tarifario”. Así, argumenta que o prezo da electricidade non cobre os custos de produción. “Porén, isto é falso. A trampa reside na metodoloxía utilizada para o cálculo do custo de produción a través de poxas no mercado maiorista, o coñecido como “pool” eléctrico. Esta situación prodúcese, ademais, nun contexto en que Galiza é excedentaria na produción  de electricidade. Así, mentres padece os custos sociais e medioambientais que supón a xeración de enerxía, non obtén ningún beneficio desta condición”.