Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía ANOVA Val Miñor reclama a paralización das multas ás pensións dos emigrantes retornados.

ANOVA Val Miñor reclama a paralización das multas ás pensións dos emigrantes retornados.

Correo-e Imprimir PDF

ANOVA Val Miñor entende que as multas que está a aplicar a Facenda do Estado español a milleiros de retornados polas súas pensións do estranxeiro son unha "nova estafa semellante á das Preferentes". O colectivo político presentou unha solicitude de paralización destas actuacións o pasado 30 de setembro no Rexistro Municipal de Gondomar, ante a gravidade do tema na bisbarras do Baixo Miño e Val Miñor, na que se calculan próximos de 2000 afectados. Pola súa banda, un grupo de veciños prepara a creación dunha plataforma en defensa dos intereses dos retornados, que terá a súa primeira reunión este mércores 9 de outubro ás 19 horas no local da Cofradía de Pescadores de Baiona. Na mesma recibirán a unha delegación de afectados de O Morrazo que achegarán a súas experiencias nos procesos entaboados contra o Ministerio de Facenda de España.

A moción presentada polos nacionalistas en Gondomar pretende que a Corporación Municipal acorde dirixirse ao "Goberno do Estado e aos responsables da Facenda Pública; ao Goberno Galego; á Mesa do Congreso dos Deputados e á Mesa do Parlamento Galego, para solicitarlles que paralicen canto antes este abuso contra os nosos emigrantes, e para que habiliten as fórmulas legais máis acaídas para resolver definitivamente esta situación, con xustiza e co respecto debido que as persoas emigradas merecen". A mesma atópase sen debater trala suspensión do derradeiro pleno ordinario de Gondomar.
O portavoz de ANOVA, Xosé Antonio Araújo, afirma que "resulta evidente que Gondomar non é un concello alleo a esta problemática, non hai máis que botarlle unha ollada ao CERA para ter unha idea da importancia que a emigración tivo, e aínda ten, para o noso Concello. Quen non ten un familiar, un amigo ou un veciño fóra de Galiza? .....E segue emigrando xente moza ao estranxeiro".