Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía Os comuneiros de Couso crean un banco de alimentos, para os veciños máis afectados pola crise.

Os comuneiros de Couso crean un banco de alimentos, para os veciños máis afectados pola crise.

Correo-e Imprimir PDF

Sensibles as necesidades dos veciños da parroquia aos que a crise golpea con máis forza, a Asemblea Ordinaria da Comunidade de Montes de Couso acordou, por unanimidade, a creación dun Banco de Alimentos. Para este fin, a comunidade de montes, articulará unha estrutura para recoller alimentos achegados por particulares ou empresas que presten a súa colaboración. A Comunidade de Montes porá a disposición do Banco de alimentos un orzamento de 2.000 euros para cubrir as necesidades que se poidan presentar.

 

Para poder acceder a este banco de alimentos as familias deben acreditar a súa precaria situación económica tendo dereito a acceder prestacións do banco no caso de ingresos mensuais inferiores aos 600 euros en parellas ou familias, sen fillos. Cada membro engadido da unidade familiar, incrementa en 100 euros o límite para ter acceso. No caso de familias monoparentais o limiar para ter dereito sitúase en 400 euros.

Os comuneiros de Couso, tamén contemplan a situación daqueles veciños que teñan enriba a lousa dunha hipoteca, que lles impida comprar os alimentos necesarios para unha digna nutrición. Se a carga dunha hipoteca non permite cubrir esta necesidade, os baremos poderán incrementarse en 300 euros.

Tamén se acordou, por unanimidade, estar atento aos posibles desafiuzamentos nos que algún veciño da parroquia poida ser vítima dunha entidade financeira. No caso de producirse a Asemblea, decidiu sacar os cartos das entidades bancarias que realicen este tipo de prácticas antisociais cos seus veciños.

Neste sentido, anuncian que "vaise intensificar e priorizar a relación financeira con persoas físicas, entidades sociais e privadas ou coa Banca Ética, sobre a relación coas poderosas entidades bancarias convencionais".