Os empresarios agrupados na Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios de Gondomar (ACHEGO), poñen en marcha unha batería de iniciativas de cara a superar a marcada baixa nos consumos que dende hai dous anos afecta ao sector. É que non só a crise fai estragos na vila, a proximidade ao grande escaparate comercial que representa a cidade de Vigo, con seus centros comercias, franquisias e grandes superficies, fan da frase “Imos de compra a Vigo” o símbolo dunha conduta de consumo á que con enxeño e creatividade se busca cambiar pola sedución das ofertas do comercio local.
A empresaria Esperanza Araújo Quintas, presidenta de ACHEGO, afirmou a Valminor.info que o desafío é posible de desenvolver, para iso é necesario poñer en valor as vantaxes que o comercio local ten: proximidade cos clientes, atención personalizada, punto de encontro e socialización da vila entre outros.
Achégate e navega canda nós
Esta iniciativa cumpre co dobre obxectivo de beneficiar aos clientes e comerciantes. Por unha banda coa creación dun portal en Internet que posibilitará ás empresas asociadas, colocar as súas promocións, crear tendas en liña, e ofrecer a seus clientes a posibilidade de participar en sorteos organizados por ACHEGO, entre os que se destacan cinco cruceiros pola Ría para dous persoas cadanseu e recibir un boletín dixital coas novas ofertas e promocións.
Achégate e navega canda nós é un proxecto financiado polo programa Mercurio da Deputación de Pontevedra, e xestionado pola propia ACHEGO co asesoramento dun grupo privado especializado.
Gondomar Documenta II.
O ciclo de cine galego Gondomar Documenta, inaugurado durante o verán por ACHEGO e o Instituto de Estudos Miñoranos, chega ao circuíto hostaleiro durante os meses de novembro e decembro. Ademais da proxección dos filmes, os clientes terán a posibilidade de desgustar de pinchos, tapas, viños e outras delicias preparadas para a ocasión, con prezos especiais.
Nadal, loterías e sorteos.
A campaña que tradicionalmente desenvolve o comercio local para estas datas, estará acompañada por un número da lotería nacional que os comerciantes ofrecerán a través de participacións aos clientes cun valor de 5 euros. A iniciativa conta co antecedente do premio obtido o ano pasado onde cada participación pagou 25 euros a seus propietarios. Tamén está a estudio de ACHEGO, unha serie de vales cos que premiar as compras no comercio da vila.
Guía cultural e comercial de Gondomar.
Dar a coñecer comercial y culturalmente a vila fora das fronteiras da bisbarra e outra das estratexias desenvolvidas pola asociación. Para iso está a presentar nas oficinas de turismo dos concellos galegos, casas rurais e outros organismos unha guía elaborada a partir dunha subvencións da Xunta de Galicia, e na que colaboran nos contidos especialistas do concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoranos.