Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Deportes “Era o Real Madrid o equipo de Franco?” Dende a ciencia intentan explicar os mitos do fútbol.

“Era o Real Madrid o equipo de Franco?” Dende a ciencia intentan explicar os mitos do fútbol.

Correo-e Imprimir PDF
real madrid

Serían Pelé, Beckenbauer ou Cruyff estrelas no fútbol actual? Era o Real Madrid o equipo de Franco? Favorecen os árbitros sempre aos mesmos equipos?  Estas e outras moitas preguntas vinculadas a mitos e crenzas relacionadas co chamado ‘deporte rei’ son analizadas desde unha perspectiva científica polo profesor Carlos Lago no seu novo libro Fútbol es fútbol. Una explicación científica sobre crenzas do xogo . Publicado pola editorial Mc Sports, este volume trata de “trasladar os resultados de diferentes investigacións a un formato accesible para os adestradores e o gran público”, apunta este docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

A recorrente frase de “fútbol es fútbol”, que acuñou o técnico Vujadin Boskov, é empregada por Lago Peñas, investigador principal do grupo Hi-20, para o título dunha publicación na que trata de “achegar luz sobre algúns dos mitos que se teñen sobre o xogo” a partires dos resultados de investigacións realizadas tanto polo grupo Hi-20 como por outros investigadores e investigadoras.

De aí que Lago persente o libro como un “labor de divulgación científica, que trata de ser ameno e rigoroso á vez”, co propósito de achegar “aos afeccionados ao fútbol os achados científicos” nun ámbito, o do deporte, no que, resalta, “existe un labor de investigación moi potente”.

Da evolución do deporte a inxerencia das ditaduras

Prologado polo adestrador Pablo Alfaro, Fútbol es fútbol estrutúrase en nove capítulos nos que Lago relata como a ciencia ten abordado diferentes aspectos relacionados co rendemento ou a historia deste deporte ou intentado dar resposta “a preguntas moi habituais entre os afeccionados, como si o mellor Pelé sería capaz de ser unha estrela no fútbol actual”. A este respecto, este profesor alude á evolución vivida por este deporte, “tanto nos aspectos físicos e técnicos, como na propia velocidade do xogo”, e que podería levar a concluír que “se tivésemos unha máquina do tempo e movésemos” ao xogador brasileiro ao fútbol actual, “non só non sería unha estrela senón que tería enormes problemas para moverse no campo”. Mais ao mesmo tempo tamén deixa claro que esta sería unha afirmación “inxusta, posto que o talento de Pelé, traballado cos sistemas de adestramento actuais, seguramente faría del un xogador extraordinario”.

En capítulos introducidos sempre por frases ou acontecementos anecdóticos, Lago trata de amosar como a ciencia “é capaz de alumear espazos escuros, onde o coñecemento se baseaba en opinións”, de tal xeito que as veces desmóntanse crenzas asociadas a este deporte, mentres que outras vense avaladas pola investigación. Iso acontece, por exemplo, coa idea de que as arbitraxes rematan favorecendo aos equipos grandes, á que Lago dedica un capítulo, no que demostra “como cando o marcador está igualado, os árbitros tenden a beneficiar ao equipo máis importante engadindo máis tempo de prolongación, mentres que cando estes equipos van gañando por pouco, a tendencia é acurtar a prolongación”.

Tamén hai espazo neste libro para cuestións relacionadas coa historia deste deporte, como se durante a ditadura de Franco, o Real Madrid tiña “algunha vantaxe sobre os demais”. Con ese propósito, o investigador recolle as conclusións dun estudo sobre as ligas de 47 países que levou a cabo xunto cos seus irmáns Santiago Lago, catedrático de Economía da Universidade de Vigo, e Ignacio Lago, profesor do Departamento de Ciencias Políticas da Pompeu Fabra. Esta investigación permitiu comprobar que “nas ditaduras hai sempre máis desequilibrio competitivo que en democracia, é dicir, que menos equipos gañan máis veces o campionato”. Mais, a pesares de que en casos como os dos países do extinto bloque soviético, "os mecanismos cos que o réxime influía sobre os resultados están claros”, por exemplo recrutando aos mellores deportistas para os equipo do exército, non se puido comprobar este aspecto no caso español. “A pesares de que se confirma que en ditadura gañaban máis algúns equipos, neste caso Real Madrid e Barcelona, non fomos capaces de atopar de que maneira, se o facía, o réxime franquista condicionaba os resultados”, relata.

Como a ciencia mudou o fútbol

“O fútbol cambiou moito, a velocidade coa que circula a pelota, por exemplo, multiplicouse practicamente por dous desde 1970”, engade Lago, que trata de reflectir no libro a influencia que tivo a ciencia á hora de “mellorar os sistemas de adestramento ou axudar aos adestradores a atopar xustificacións do que está a suceder ou confirmar o que eles, coa súa visión de expertos, xa ven no xogo”. Con ese propósito, aborda conceptos como a “entropía aproximada, un indicador matemático que permite ver a predicibilidade ou impredicibilidade” dunha serie de factores do xogo, por exemplo, grazas á análise dos datos recollidos a través de sistemas GPS. “A partires do cálculo desa entropía, podemos saber canto de predicible é o comportamento dun xogador ou dunha liña defensiva e identificar que factores a modifican”, o que constitúe unha axuda ao labor dos adestradores á hora de "poder prepararse ante os escenarios máis probables”.

Mais, ao mesmo tempo, Lago tamén deixa claro que a pesares do que os avances científicos teñen contribuído a facer do fútbol un deporte “máis rápido e máis atractivo, ao final o xogo vai ser resolto pola creatividade, pola arte dun xogador nun un contra un”. Neste senso, incide en que “a ciencia pode axudar a mellorar a preparación dese xogador, a evitar que teña lesións ou a analizar que ten que facer o equipo ante esas situacións de un contra un”, motivo polo que se ten convertido “nun factor multiplicador do espectáculo”.

Eduardo Muñiz |DUVI