Sábado, 20 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Deportes Os campións de paddlesurf de España decidíronse na baía de Baiona.

Os campións de paddlesurf de España decidíronse na baía de Baiona.

Correo-e Imprimir PDF
paddlesurfbaiona

A pasada fin de semana decidíanse en Baiona os campións de España de Stand Up Paddle (ou Paddlesurf). Malia a choiva e o vento, case un centenar dos mellores especialistas do país coincidían en que o abrigo da baía ofreceu unhas condicións perfectas para a celebración da proba e os palistas máis internacionais non defraudaron levándose todas as medallas.

O sábado ás 16:00 horas dábase a saída da carreira de Longa Distancia. Na categoría masculina Pep Oltra lideraba ao grupo de cabeza cara ao porto de Baiona impoñendo un ritmo moi forte que só resistían Román Frejo (Starboard), Jurgi Zulaika (Starboard) e Kiko Borrás. Ao pasar a Doca a carreira quedaba exposta ao vento e mar de fondo, cambiando drasticamente as condicións e Román Frejo aproveitaba para atacar e distanciarse do grupo camiño ao porto de Panxón, detrás Jurgui Zulaika intentaba seguir o ronsel de Román a certa distancia e ambos se distanciaban definitivamente de Pep e Kiko que mantiñan unha loita moi intensa polo terceiro posto. Ao paso por Monte Lourido Román e Jurgui afianzaran o seu primeiro e segundo posto respectivamente e dedicábanse a conservar a súa vantaxe, mentres que Pep intensificaba un ataque que era definitivo para escaparse de Kiko e adxudicarse o terceiro posto.

Na categoría feminina a igualdade das tres primeiras clasificadas fixo que a loita fose máis intensa e case ata a meta. Comezaba a mallorquina Laura Quetglas (Mar Balear) liderando a proba ata o porto de Panxón, seguida de Susak Molinero e de Ane Zulaika (Starboard) a escasos segundos, a partir de aí Susak atacaba pasando a Laura á altura de Praia América e aos poucos ía despegándose das súas perseguidoras, detrás Ane e Laura continuaban coa súa loita polo segundo posto. Xa no río Miñor Susak afianzaba a súa vitoria e Ane adiantaba á mallorquina mantendo a súa posición ata a meta, quedando en segunda posición, por diante de Laura Quetglas.

En Sub 18, Rafa Sirvent alzábase cunha vitoria cómoda seguido de Ohian Azpiru que conseguía o subcampionato. Atrás, a revelación era Manuel Hoyuela, de Suances, que con só 15 anos mostrábase competitivo na súa primeira participación no Campionato de España. En Sub18 feminino Ciara Palenzuela segue sen rival e revalida o seu título de Campioa de España.

O domingo celebrábase a modalidade de Carreira Técnica, moito máis curta e intensa, na praia de Ladeira, nun percorrido con numerosos xiros en ciabogas e con tres porteos que non ofreceu sorpresas xa que se repetían todos os pódiums da xornada anterior.

Durante a entrega de premios, algúns competidores ofrecían unhas emotivas palabras desde o pódium agradecendo á organización haber emprazado este Campionato de España en Baiona para poder disputar a proba en condicións óptimas.

Resultados:

12'6 Masculino:

1. Román Frejo

2. Jurgui Zulaika

3. Pep Oltra

12'6 Feminino:

1. Susak Molinero

2. Ane Zulaika

3. Laura Quetglas

14':

1. Américo Correa

2. Miguel Martorel

3. Nacho Rise

Sub 18 Feminino:

1. Ciara Palenzuela

2. Sheila Sirvent

Sub 18 Masculino:

1. Rafa Sirvent

2. Oihan Aizpuru

3. Manuel Hoyuela

Paddleboard Feminino:

1. Itziar Abascal

Paddleboard Mascino:

1. Carlos Alonoso

2. David Buil