Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Deportes Panxón acollerá este sábado a IX Concentración Aerodeportiva

Panxón acollerá este sábado a IX Concentración Aerodeportiva

Correo-e Imprimir PDF
aeropresentacion-panxon

O campionato de ultralixeiros contará coa copiloto ao mando máis nova de España, a nigranesa Enola Fernández, de só 6 anos

O evento inclúe unha competición de grandes maquetas de radiocontrol, coas que ademais se realizará unha exhibición de voo acrobático

O paseo acollerá tamén a exposición de maquetas de avións de combate, a turborreacción e helicópteros

O Concello de Nigrán e o Aeroclub Meteoro, coa colaboración da Federación Galega de Deportes Aéreos, organizan novamente este sábado a IX Concentración Aerodeportiva de Nigrán, que reunirá no areal de Panxón a unha quincena de avións e autoxiros que se disputarán o IX Campionato Galego ULM (ultralixeiros).
Paralelamente, terá lugar o Campionato Galego de Grandes Maquetas de Radiocontrol e no paseo marítimo realizarase unha exposición de pequenas réplicas de avións de combate, a turborreacción e de helicópteros. O evento, ao que asisten cada ano miles de espectadores, estará controlado por xuíces autonómicos da federación e se desenvolverá dende as 09,00 ás 14,00 horas, sendo o punto álxido entre as 10,00 e as 11,00.

"A praia de Panxón é realmente un aeródromo natural que xa foi utilizado polo afamado piloto galego e comandante de artillería Joaquín Loriga o 2 de xullo de 1927. É unha zona espectacular para aterrar e voar e o evento realmente supón o gran colofón á programación de agosto", sinalou o alcalde, Juan González, durante a presentación, na que se comprometeu a levar a cabo unha décima edición "aínda máis grande".

As aeronaves participantes son aparatos bipraza ou monopraza que non superan os 450 kg e que alcanzan unha velocidade de cruceiro de 160 km/hora, podendo chegar aos 300 km/hora e, en velocidade lenta, nunca voan a menos de 80 km/hora. Estas serán manexadas por galegos e portugueses, procedendo un dos ultralixeiros de Madrid, outro de Barcelona e o resto de Portugal e Galicia. Como dato curioso, nesta ocasión participará como copiloto ao mando a federada máis nova de España, Enola Fernández, unha nigranesa de 6 anos que voará xunto ao seu pai Sergio Fernández (nigranés vencedor das dúas últimas edicións e organizador) no papel de instrutor. Precisamente, Enola e Sergio figuran nas quinielas como os máximos favoritos. "Lo que queremos es acercar la aviación al público en xeral. El enclave es privilegiado, es como el paraíso", sinalou Fernández.

O campionato de ultralixeiros consta de tres probas diferentes que se poderán observar perfectamente na praia de Panxón e dende unha pantalla xigante de televisión que retransmitirá en directo as diferentes fases con cámaras instaladas na propia cabina dos ultralixeiros ou nun dron. Tódolos aparatos despegarán dende o aeródromo de Cerval (Vilanova de Cerveira) para culminar as probas no areal de Nigrán. Este traxecto en coche supón uns 45 minutos, mentres que as aeronaves o realizan en 7-8 minutos.

Probas do campionato.

Proba de navegación: o piloto recibe unhas coordenadas e debe localizalas no mapa sen axuda de GPS, sobrevoando o punto indicado. Un xuíz fotografará o seu paso ou non polo lugar sinalado e so puntuará se acerta.

Proba de vo a estima: consiste en que o piloto calcule antes de despegar o tempo exacto que vai a tardar en voar dende o aeródromo base de Cerval (Vilanova de Cerveira) ata o areal de Panxón. Non puntuará todo aquel que sobrepase a súa previsión.

Aterraxe de precisión: no aeródromo de chegada, situado no areal de Panxón, marcarase unha parrilla de 100 metros de lonxitude. A proba medirá a pericia do piloto á hora de tocar terra, así, a máxima puntuación a obterá aquel que aterre na primeira liña, 90 metros na segunda e así correlativamente. Esta é probablemente a proba máis complicada das tres.

O gañador do campionato será aquel que obteña o maior cómputo xeral de puntos. Aínda que as previsións son boas, a organización, en función da situación meteorolóxica, suspenderá toda aquela proba que poida supoñer o mínimo risco para a seguridade tanto de participantes coma de público.

Paralelamente, celebrarase o III Campionato Galego de Grandes Maquetas de Radiocontrol, competición na que se valora a similitude da construción co orixinal e a súa limpeza e estilo de voo. Estas réplicas (arredor de 20) superan os 2 metros de envergadura e poden dispoñer de diferentes tipos de motorización, dende queroseno, gasolina a electricidade. O seu custe medio ronda os 3,000 euros ao estar dotados da última tecnoloxía en seguridade e equipo de control. Con algúns destes mesmos modelos tamén se fará unha exhibición de voo acrobático, ademais, haberá unha exposición no paseo de maquetas de avións de combate, a turborreacción e helicópteros.