Luns, 24 Feb. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Deportes O Rías Baixas acadou o recoñecemento dos tres alcaldes do Val Miñor pola promoción do ciclismo.

O Rías Baixas acadou o recoñecemento dos tres alcaldes do Val Miñor pola promoción do ciclismo.

Correo-e Imprimir PDF
3alcaldes-riasbaixas

O alcalde de Nigrán, Juan González, recibiu esta mañá no Concello a unha representación do Club Ciclista Rías Baixas. Nese encontro o rexedor transmitiu o recoñecemento á entidade con sede en Nigrán polo seu esforzo e dedicación na promoción deste deporte.
Ao acto asistiron tamén os alcaldes de Baiona e Gondomar, Jesús Vázquez Almuíña e Paco Ferreira, así como José Antonio Vilán, vicerreitor da Universidade de Vigo (colaboradora do club) e o presidente do club, José Luís Chamorro.

"É un orgullo porque é un club que nos representa e que estende a afección polo deporte entre os nenos, contribuíndo á formación da súa personalidade e a fomentar hábitos saudables", sinalou González.

Ao acto asistiron Aser Estévez e Alejandro Santos, os dous ciclistas que o pasado mes de xuño proclamáronse no Mirador de Ézaro campións de Galicia nas súas categorías colmando unha "tempada de película", segundo o seu presidente.
Aser Estévez, da Guarda, logrou o título en Élite e é o xefe de filas. Esta semana buscará revalidar o seu triunfo no Campionato de Galicia de Contrarreloxo Individual que se celebrará en Ourense; é a súa primeira tempada no equipo e acumula resultados moi destacados, como o cuarto posto no Campionato de España Contrarreloxo. Pola súa banda, Alejandro Santos, de O Porriño, é o vixente campión na categorías Sub-23; esta segunda campaña no club está sendo a da súa confirmación no campo amateur, habendo representado a Galicia no Campionato de España disputado en Cáceres e esta semana vai participar na prestixiosa Volta a Palencia. O gran obxectivo dos dous neste final de tempada é a Volta a Galicia no próximo mes de setembro.

O Club Ciclista Rías Baixas é unha entidade deportiva con sé en Nigrán e que está presidida por José Luís Chamorro. Fundado en 1991, abarca todas as categorías e especialidades deste deporte. Este ano, por terceira campaña consecutiva, compite ao máximo nivel no pelotón Élite e Sub 23 por toda España e no estranxeiro.