Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Deportes Cristian Mota do Rías Baixas finaliza segundo na 3ª etapa da Volta a Toledo

Cristian Mota do Rías Baixas finaliza segundo na 3ª etapa da Volta a Toledo

Correo-e Imprimir PDF
Mota-Toledo

A exhibición de combatividade do Club Ciclista Rías Baixas na terceira xornada da Volta Ciclista a Toledo estivo a piques de ter premio. Cristian Mota ocupou a segunda posición na liña de meta de Villarrubia de Santiago, tras 141 quilómetros de percorrido con tres ascensións puntuables, dúas delas de primeira. O corredor ponteareano, debutante esta tempada na categoría Élite e Sub 23, só foi superado polo experimentado arxentino Jorge Montenegro (Aluminios Cortizo).

Os ciclistas dirixidos por Marcos Serrano foron os grandes animadores desta etapa toledana. En cada intento importante de escapada, houbo polo menos un representante do conxunto miñorano.

Mota filtrouse na primeira fuga xunto a outros seis corredores. Chegaron a dispoñer de 18 segundos de vantaxe, pero o pelotón os neutralizou no quilómetro 30. A continuación, a quenda foi para Samuel Rodríguez nun grupo de oito corredores que no ecuador da etapa gozaban dunha renda dun minuto e vinte segundos.

A falta de 50 quilómetros para meta, o traballo por detrás desbaratou esta tentativa. Todo apuntaba a un desenlace ao sprint, pero o Club Ciclista Rías Baixas intentou impedilo cun dobre ataque por parellas. Primeiro, probárono Mota e Jose Manuel Gutiérrez, a 25 kms para o final, distanciándose en dezaoito segundos do gran grupo.

Cando foron absorvidos, contraatacaron Alejandro Santos e Rodríguez en compañía de Serrano (Magro) dentro dos últimos dez quilómetros. O terceto co porriñés e o ponteareano puxo en xaque ao pelotón logrando unha vantaxe de 20 segundos, que non resultou suficiente.

Tras ser atrapados ao paso pola pancarta de 2 kms para meta, Mota meteuse na loita cos velocistas pola vitoria terminando segundo. Aos seus 19 anos, un dos corredores máis novos da carreira subiuse ao podio, onde estivo acompañado por unha lenda deste deporte como Federico Martín Bahamontes, organizador desta proba.

Na xeral, Aser Estévez continúa sendo o mellor clasificado do equipo de Nigrán

Mañá dispútase a cuarta e última xornada desta volta. Serán 137 quilómetros, entre Comercial Galán e Toledo, con final na rampa da Praza de Zocodover.