Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Deportes O Club Ciclista Rías Baixas concorre por primeira vez á Volta a Toledo

O Club Ciclista Rías Baixas concorre por primeira vez á Volta a Toledo

Correo-e Imprimir PDF
ccriasbaixas

Por primeira vez nos seus tres anos competindo na categoría Élite e Sub 23 o Club Ciclista Rías Baixas formará parte do pelotón da Volta a Toledo, que nesta edición celebra as súas vodas de ouro.

A organización desta proba dirixida por Federico Martín Bahamontes invitou esta tempada ao conxunto de Nigrán debido á sobresaliente imaxe ofrecida polos seus corredores nos últimos meses polas estradas de toda España e Portugal. A primeira das catro etapas das que consta esta rolda disputarase mañá sábado pola mañá e a escuadra miñorana preséntase cos seus dous xefes de filas: Aser Estévez e Jose Manuel Gutiérrez.

O corredor guardés, vixente campión de Galicia amateur, quedouse moi preto da vitoria nas últimas carreiras que participou como sucedeu en Ávila ou en Zamora. Pola súa banda, o perfil montañoso desta volta adáptase ás características do cántabro Gutiérrez. O porriñés Alejandro Santos, o lugués Diego Álvarez, o redondelán Adrián Avelleira e os ponteareanos Samuel Rodríguez e Cristian Mota completan a aliñación.

A primeira xornada celebrarase sobre un percorrido de 124 quilómetros entre Ocaña e Consuegra. O contacto coa montaña iniciarase o domingo cun porto de segunda categoría que se coroa a nove quilómetros da meta situada en Guadamur. A etapa do luns é a catalogada como raíña, con dúas ascensións ao Cerro do Emperador, de primeira, e chegada a Villarrubia de Santiago. O martes finalizará a volta na subida empedrada de Zocodover na capital da provincia.

A nómina de equipos participantes é do máximo nivel. Entre as dezaseis formacións inscritas destacan tres estranxeiras: West Frisia holandés, Blagnac francés e o Cartaxo portugués. Ademais, estarán os mellores conxuntos do pelotón Élite e Sub 23 español, co Aluminios Cortizo e o Supermermercados Froiz completando a representación galega xunto ao proxecto que preside José Luís Chamorro.