Martes, 23 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Deportes A deportista Miriam Pérez dá sona internacional á patinaxe artística de Gondomar.

A deportista Miriam Pérez dá sona internacional á patinaxe artística de Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF

Miriam-Perez-Campeonato-Eur

A pasaxe pola Copa Europea de Patinaxe Artística de Miriam Pérez  (Club de Patinaxe Artístico CPA de Gondomar) consolidou o seu prestixio a nivel internacional.  Os grandes especialistas da disciplina eloxiaron o seu desenvolvemento nun programa libre nas pistas de Luso (Portugal) que lle permitiu situarse quinta entre as 15 mellores patinadoras da categoría xuvenil do continente.  Miriam, de 16 anos de idade e unha das 3 representantes españolas na categoría, enfrontábase ás italianas, escola referente mundial. “Aínda sen poder demostrar todas as súas virtudes a do Club Gondomar deixou un bo sabor de boca coa súa actuación”, salientan dende a Federación Galega de Patinaxe. 

Debut de Miriam e recoñecemento ao adestrador David Figueroa.

O éxito alcanzado é dobremente valorado na vila condal. Miriam debutaba nesta categoría da man de David Figueroa, adestrador das escolas deportivas de Gondomar e fundador do Club de Patinaxe Artístico CPA Gondomar, o pasado xaneiro. Figueroa traballa ao seu carón dende que Miriam tiña 8 anos, e xa xuntos acadaran a medalla de ouro no Campionato de España de 2010. O pasado 1 de novembro, en Luso non foi máis que unha consolidación do excelente traballo deste adestrador de prestixio internacional así como das destrezas e potencialidades de Miriam na disciplina.

Nese senso, o club gondomareño salienta a “maior disponibilidade de horas de adestramento ofrecidas polo Concello no colexio de Donas”, clave para o crecemento do club e a preparación da competidora.

Club-CPA-Gondomar

Novos desafíos para o club gondomareño

O CPA Gondomar conta xa con 45 deportistas, 11 deles en competición en todas as categorías dos campionatos nacionais (agás a infantil) e no campionato internacional europeo recentemente disputado, cun novo reto este fin de semana no Campionato de España Alevín que se celebra en Ripollet e onde o alevín Xosé Cruz, con tan só 8 meses no Club, demostrará as súas competencias deportivas.

O Club asegura que o éxito alcanzado en tan pouco tempo débese á conxugación de tres factores fundamentais: “os nenos e nenas integrantes pola súa tenacidade e constancia, o traballo, dedicación e paixón de David Figueroa e a filosofía de traballo serio e ben feito do club”.

Festexos en Gondomar e loas dende a Federación Galega.

Os resultados acadados por Miriam Pérez na competición continental, así como a venturosa andaina da novel institución deportiva foi celebrada dende o Concello de Gondomar, que augurou “futuros éxitos e recoñecementos” que axudarán a valorar “a calidade deportiva do Val Miñor e situar a Gondomar nos escenarios deportivos nacionais e internacionais”.

copa-europa-2014

Ao mesmo tempo, dende a Federación Galega tamén transmitían a ledicia pola participación dos competidores do país: “temos moi bos atletas e adestradores dispostos a seguir loitando. Parabéns a todos pola vosa grande actuación”, salientaban trala finalización da competencia en Portugal.