Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Deportes Panxón acolle mañá o primeiro duatlón nocturno que se celebra en Galicia

Panxón acolle mañá o primeiro duatlón nocturno que se celebra en Galicia

Correo-e Imprimir PDF
foto-duatlon-300x199

-A proba está organizada por ASPACE-Galicia (Federación Galega de Parálise Cerebral) en colaboración co Concello de Nigrán. Terá lugar polo núcleo urbano de Panxón a partir das 23.30 horas.

-Deportistas chegados de toda Galicia e de diversas zonas de España participarán neste evento deportivo, cuxa recadación destinar ás persoas afectadas por parálise cerebral en Galicia.

A Federación Galega de Parálise Cerebral (ASPACE Galicia) organiza, en colaboración co Concello de Nigrán, o I Duatlón Nocturno solidario que se celebrará mañá a partir das 23.30 horas no centro urbano de Panxón.

O duatlón, o primeiro nocturno que se realiza en Galicia, contará con atletas chegados de toda a comunidade e de diversos puntos de España que participarán na proba para recadar fondos para o financiamento dos programas e servizos que ASPACE-Galicia desenvolve en beneficio do colectivo de persoas con parálise cerebral da comunidade autónoma.

Esta primeira edición do Duatlón Nocturno Vila de Nigrán contempla as modalidades de ciclismo e carreira a pé, cun prezo por inscrición de 15 euros por persoa, importe que será destinado na súa totalidade á asociación.

O percorrido estruturarase en tres tramos, cun total de 16 km de longo, que se desenvolverán na súa totalidade no centro urbano de Panxón. O primeiro tramo será unha carreira a pé cunha distancia de 2 km., terá como punto de partida e de chegada a Praza de José Mugines, na contorna do porto de Panxón. A continuación, os participantes percorrerán 9 km. en bicicleta dando tres voltas á zona urbana de Panxón. O último terzo da carreira -5 km.- realizarase novamente a pé, cun itinerario que percorrerá a costa nigranense entre a mencionada praza de José Mugines e Monte Lourido; a ida polo Paseo Marítimo e o regreso pola praia, onde un camiño de fachos indicará a liña de meta. O camiño de fachos do último tramo da carreira é unha homenaxe á noite das fogueiras de San Xoán

O duatlón desenvolverase nas categorías veteranos, absoluto e juniors masculino e feminino. Todos os participantes recibirán de agasallo unha camiseta e unha bolsa de corredor, e os tres primeiros clasificados medallas e premios. Ao finalizar a carreira, a organización ofrecerá a todos os participantes unha festa en local Praia cunha sesión de Dj.

Esta é a segunda ocasión neste ano na que o Concello de Nigrán colabora con ASPACE Galicia para a celebración de eventos a favor das persoas con parálise cerebral. No mes de xuño, ambas as institucións colaboraron no I Torneo de Pádel Solidario que se celebrou nas instalacións do Real Club Náutico de Vigo en Nigrán.

ITINERARIO I DÚATLON NOCTURNO VILA DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán informa que as rúas polas que se realizará o percorrido do duatlón permanecerán pechadas ao tráfico entre as 23.00 e as 1.45 horas do sábado 11 de agosto.

1ª PROBA - CARREIRA A PÉ

2 KM

Saída desde a Praza de José Mogimes, rúa Paseo Marítimo, rúa Veiga de San Xoán, rúa José Espiñenta, rúa Gondomar, rúa Arquitecto Palacios, rúa Cidade de Vigo, enlace fronte Cafetería Praia por paseo Marítimo ata a chegada a Praza José Mogimes.

2ª PROBA - CARREIRA EN BICICLETA

9 KM

Saída desde a Praza de José Mogimes, rúa Paseo Marítimo, subida Paseo Marítimo, Rúa Cidade de Vigo, ría Avda. Praia América, rúa Arquitecto Palacios, rúa Gondomar, rúa Jesús Espiñenta, rúa Veiga de San Xoán, xiro á esquerda continuando por Paseo Marítimo realizando novamente o mesmo itinerario durante dúas voltas máis, e na última volta á baixada de rúa Veiga de San Xoán vírase á dereita por rúa Paseo Marítimo ata a meta en Praza José Mogimes. En total danse 3 voltas ao circuíto.

3º PROBA - CARREIRA A PÉ

5 KM

Ao finalizar a carreira en bicicleta, os participantes comezarán o 2º percorrido a pé, saíndo da Praza de José Mogimes e continuando por rúa Paseo Marítimo (marxe dereita), enlazando con Avenida Praia América ata o antigo campo de fútbol de Lourido e regresando polo Areal de Praia América ata a meta situada na Praza de José Mogimes en Panxón.

Máis información sobre o itinerario e/ou a competición no teléfono 639744355.