Mércores, 8 Apr. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Deportes As Escolas Deportivas de Gondomar clausuran o curso cunha exhibición no Pavillón Municipal

As Escolas Deportivas de Gondomar clausuran o curso cunha exhibición no Pavillón Municipal

Correo-e Imprimir PDF
foto-patinaje

-Aos alumnos faráselle entrega dun diploma e unha camiseta durante o acto, que se celebrará este sábado no Pavillón Municipal.

 

O deporte converterase en protagonista este sábado na clausura do curso 2011/2012 das Escolas Deportivas que ten en marcha o Concello de Gondomar. Durante o acto, que se celebrará no Pavillón Municipal a partir das 17:30 horas, as diferentes Escolas farán exhibicións das modalidades ofertadas.

O acto de clausura arrancará coa actuación da Escola de Tenis á que lle seguirán a da Escola de Tenis de Mesa, a Escola de Iniciación para o Deporte, que foi unha das novidades deste curso, a de Multideporte, a de Patinaxe, que con máis de cen alumnos converteuse este ano na actividade de maior participación, e, finalmente, coa exhibición da Escola de Taekwondo, totalmente consolidada no concello.

A Concelleira responsable da área, Natalia Salgueiro, reafirmou o seu compromiso de "seguir traballando na consolidación, se cabe, das actividades xa implantadas, así como a traballar na procura de novas iniciativas deportivas que axuden a achegar o deporte a mais veciños e veciñas de Gondomar". Por outra banda, agradeceu aos responsables das escolas, coordinador, monitores e clubs, pola súa "implicación e traballo o longo do ano, que se viu reflectido na constante participación dos alumnos durante o curso".

Modalidades ofertadas

Durante o curso 2011/2012, o Concello de Gondomar ofertou a través das Escolas Deportivas as modalidades de patinaxe, patinaxe para adultos, taekwondo, atletismo, piragüismo, tenis de mesa, tenis, multideporte, iniciación al deporte e ximnasia e mantemento.

Un ano máis, as actividades de patinaxe e taekwondo acapararon o interese dun gran número de alumnos. Só en patinaxe matriculáronse este ano máis de 100 nenos e nenas. Tamén gaña participación patinaxe para adultos así como a modalidade de piragüismo, impartida en colaboración co Club Deportivo de Piragüismo Val Miñor.

O Concello tamén conta coa colaboración da Sociedade Atlética Val Miñor para as clases de atletismo. Neste senso, a actividade da escola deportiva axudou tamén a consolidación de club, que na actualidade conta con máis de 100 corredores.

Ao igual que no caso do atletismo, a escola deportiva de tenis de mesa, que conta coa colaboración da Agrupación Deportiva de Vincios, serviu para dar a coñecer a modalidade e contribuíu a formar un club forte.

Pola súa banda, a escola de tenis, a cargo do club de Tenis de Gondomar, organizador do recente torneo benéfico celebrado o pasado día 3 de xuño, triplicou este ano o número de alumnos con respecto ao curso 2010/2011 na que se puxo en marcha.

Novidades deste curso

Como novidade, este ano puxéronse en marcha dúas modalidades. Unha delas, Multideporte, substituíu á actividade de baloncesto, e na que se da a coñecer diferentes modalidades deportivas, na que se inclúe tamén o baloncesto. A outra novidade foi Iniciación ao deporte, unha actividade que introduciu aos nenos de entre 3 e 7 anos no mundo do deporte coa práctica, principalmente, de xogos de psicomotricidade e destreza, e que finaliza cunha valoración moi positiva entre as familias participantes