Sábado, 11 Jul. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Cultura Nomeamento de don Lois Tobío Fernández como fillo adoptivo

Nomeamento de don Lois Tobío Fernández como fillo adoptivo

Correo-e Imprimir PDF
O pleno do Concello de Gondomar do 9 de outubro de 2003 aprobou, por unanimidade e a proposta da alcaldía iniciar o expediente para declarar a don Lois Tobío Fernández como fillo adoptivo de Gondomar recollendo unha proposta neste mesmo sentido da Xunta de Goberno do Instituto de Estudos Miñoranos de 28 de marzo de 2003. A proposta dicía textualmente:
“ A pesar de que don Lois Tobío Fernández naceu en Viveiro (Lugo) e que a maior parte da súa vida transcorreu fora de Galicia o certo é que coas súas investigacións e publicacións sobre D. Diego sarmiento de Acuña, primeiro conde de Gondomar, o nome da nosa vila é coñecido nos círculos culturais de todo o mundo.” 
Na mesma sesión plenaria acordouse nomear como Instructor do expediente e de acordo co Regulamento especial de Honores e Distincións ao Concelleiro de Cultura don José Luís Mosquera Veleiro. Rematado o expediente a Pleno de Honores para o nomeamento de don Lois Tobío Fernández como fillo adoptivo a título póstumo do Concello de Gondomar terá lugar o próximo sábado 26 de novembro de 2005 no Auditorio Municipal “Lois Tobío”. Tras a sesión plenaria aberta ao público intervirá dona Constanza Tobío, filla do homenaxeado e con posterioridade pronunciará unha Laudatio de don Lois Tobío o catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de santiago de Compostela, Ramón Villares Paz. 

O día anterior, venres 25 de novembro, ás 20 h. na Casa da Cultura de Gondomar terá lugar unha mesa redonda sobre a figura de Lois Tobío na que participarán o historiador e director do Seminario de Estudos Terra de Viveiro, Carlos Nuevo que se achegará ao Viveiro de Lois Tobío e a súa participación na fundación do Seminario de estudos Galegos; a profesora e escritora Marga Romero, actualmente na Universidade de Treveris, Alemaña, achegarase aos traballos de Tobío como traductor; pola súa banda o profesor, historiador e poeta Emilio Xosé Insúa falaranos da participación de Tobío na redacción do Anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia de 1931; finalmente o profesor Fernando Bartolomé fará unha achega aos estudos de Lois Tobío sobre o Conde de Gondomar. 

No transcurso do acto será presentado o libro póstumo sobre o Conde de Gondomar titulado Gondomar e Digby, dous embaixadores no que Tobío estuda as relación entre o embaixador inglés en Madrid (Digby) e don Diego Sarmiento de Acuña.

Venres 25 de novembro ás 20 h. na Casa da Cultura de Gondomar
Mesa Redonda: Lois Tobío
Carlos Nuevo: Tobío e o Seminario de Estudos Galegos
Marga Romero: Tobío traductor
Emilio Insúa: Tobío e o estatuto de Galicia
Fernando Bartolomé: Tobío e o Conde de Gondomar
Modera: Carlos Méixome, director do Instituto de Estudos Miñoranos
Neste acto presentarase o libro Dous embaixadores: Gondomar e Digby .
Traballo inedito sobre o Conde de Gondomar de don Lois Tobío


Sádado 26 de novembro ás 12:30 h. no Auditorio “Lois Tobío” de Gondomar.
Pleno de Honores da Corporación Municipal de Gondomar
Resposta de Constanza Tobío
Laudatio de Lois Tobío Fernández a cargo do Catedrático de Historia Da
Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Villares Paz.