Mércores, 8 Jul. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Cultura Don Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar. El Maquiavelo español

Don Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar. El Maquiavelo español

Correo-e Imprimir PDF

Retrato de D. Diego Sarmiento de Acuña, Conde de GondomarO próximo venres 16 de setembro ás 20:30 h. na Casa da Cultura de Gondomar terá lugar a presentación do libro Don Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar. El Maquiavelo español do que é autor o profesor Fernando Bartolomé Benito.

Neste acto, organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos coa colaboración da Concellería de Cultura de Gondomar, participarán, ademais do autor, Carlos Méixome Quinteiro, director do IEM, e a profesora de Lingua e Literatura do IES Val Miñor de Nigrán, Nieves Ibarra.

O profesor Fernando Bartolomé Benito exerce desde hai moitos anos no IES Val Miñor de Nigrán, onde imparte clases de Lingua Española e Literatura. Aragonés de nacemento, reside e traballa no Val Miñor sendo un estudoso da época e da personalidade de Don Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar.

Fernando Bartolomé simultanea a investigación coa creación literaria. Entre os seus traballos de investigación compre sinalar:

  • Antología poética de Quevedo
  • El Nuevo Mundo descubierto por Cristóbal Colón
  • Comedia inédita de Lope de Vega
  • Símbolos y emblemas en la poesía de Fray Luis de León
  • El Barroco literario aragonés
  • El universo simbólico en la Oda IX de Fray Luís de León
  • La presencia del satanismo en el primer Valle-Inclán

 No que respecta ás obras de creación literaria ten publicadas as novelas:

  • Matar a un rey, na que recrea a Baltasar Gracián na corte de Filipe IV
  • En el tiempo del hierro acicalado, na que o Conde de Gondomar se converte nun espectador de excepción da Europa do século XVII
  • Disuelta en humo, novela de intriga ambientada nos últimos días da guerra civil.

Ten achegado tamén os seus textos ás coleccións de relatos breves: Punta Balea e Sucedió en Bosnia y otros cuentos.

En Don Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar. El Maquiavelo español, Fernando Bartolomé fai unha achega biográfica e interpretativa deste personaxe clave na política da monarquía católica nos anos dacabalo entre os séculos XVI e XVII. Aquel don Diego, que colleu o nome da súa terra para acompañar o título nobiliario que lle concedera El-Rey en recoñecemento dos seus múltiples servicios é analizado no seu devalar pola vida entre Galicia e a corte, entre esta é as chancelerías europeas, entre libros e política, entre amizades e conspiracións, entre a súa casa valisoletana do Sol e a morriña permanente pola de Gondomar. En 1912 iniciou o seu labor como embaixador en Londres, no ollo do furacán europeo fiou fino durante algúns anos. Quizais sexa esta a súa xeira vital máis coñecida.

Mais o profesor Bartolomé atrevese tamén cunha interpretación do pensamento político de don Diego enxertado en catro postulados: o seu erasmismo, o pacifismo, o internacionalismo e a tolerancia relixiosa.