Mércores, 8 Jul. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Cultura Gondomar, o son do río

Gondomar, o son do río

Correo-e Imprimir PDF

p87.jpgPor Carlos Méixome - Publicado en "A Nosa Terra"

Primeiro foi O Val Miñor, imaxes para a memoria, despois veu Baiona nas ondas do tempo e agora  Gondomar, o son do río. O esquema mantense nos tres libros desta serie que edita o Instituto de Estudos Miñoranos. Unha fotografía das primeiras décadas do século XX comentada por unha persoa residente no Val Miñor. Nesta ocasión son oitenta e catro veciñas e veciños do concello de Gondomar as que se puxeron a tecer palabras para adobiar as imaxes seleccionadas.

Un mundo de relatos. Houbo quen tirou da gabeta de memoria recordos de infancia ou da mocidade, quen verteu soños sobre o papel, quen mesturou lembranzas con imaxinación, quen realizou asisados traballos de investigación. Houbo quen nunca antes se puxeran a endereitar unhas liñas co maxín posto na publicación dun libro e quen a ben seguro tivo que agochar un pudor sensato. Houbo tamén quen peneirou durante horas e días cada unha das palabras, quen lamentou desacougada o momento en que aceptou tal convite. Houbo tamén a quen lle foi máis doado xa que son xentes que andan nesas leas de escribir...

Gondomar, o son do río ou mellor  o son dos ríos, pois a vila condal ten dous. Cativeiros si pero traballadores. Descompoñen rochas de xisto e granito e baixan entolecidos dende as abas do Galiñeiro para xuntarse ao pé da Paradela. Van acougando para deixar as súas beiras os miúdos do seu labor e ancheándose ata formar o esteiro e provocar a ría. Por que Gondomar é o río, ou os ríos. Ao pe deles naceu. Mais a vila miñorá esqueceuse deles, mirou para o camiño, para a estrada, e deulle as costas aos ríos. Botóuselle enriba e estes cada certo tempo reclaman o que é seu.

p95.jpg p93.jpg p77.jpg p61.jpg p41.jpg

Clima e paisaxe, á beira das praias e dunha gran cidade. Gondomar reúne condicións inmellorábeis. Medra en poboación, pasa dos doce mil habitantes, ten un reducido sector primario e a poboación concentrase nos sector servicios, na industria e na construcción. Mais corre o perigo de converterse nunha vila  sen vida, nun concello descabezado, niso que os xeógrafos deron en chamar cidade-dormitorio.

Gondomar ten que engaiolar aos seus veciños nas horas de ocio, nos momentos de vida social. Ten que atraelos ao cotiá para desenvolver un sector servicios propio, potenciar os seus atractivos, virar a testa, volver os ollos e a mirada para os ríos. O seu gran tesouro ignorado son o Zamáns, o río de Morgadáns e, xuntos, o Miñor. Un alongado parque estendido polas súas beiras potenciaría o centro da vila e todo o concello. O son do río ten que se escoitar.

Imaxes para a Memoria Ver mais fotos do libro Imaxes para a memoria do IEM