O Centro Cultural de Peitieiros inicia este domingo a III Semana Cultural que precede o XXII Festival Folclórico Internacional, que terá lugar o vindeiro sábado 22 de agosto, ás 20 horas.
O pase da histórica As nosas festas de alá (José Gil, 1928) un dos documento fílmico máis antigos do Val Miñor, dará comezo aos actos.
Un selecto grupo de artistas e artesáns do país achegarán as súas obras en exposicións e obradoiros ao longo da semana.
Cine
Este domingo 16 terá lugar, na sede do Centro Cultural en Peitieiros, o acto de inauguración da III Semana Cultural e do XXII Festival Folclórico. Durante o acto proxectarase a filmación As nosas festas de alá, un documental restaurado polo Arquivo da Emigración Galega e o Centro Galego de Artes da Imaxe, realizado en 1928 con financiamento da "Unión de Hijos de Morgadanes" de Montevideo.
 Arte
Ademais inaugurarase a mostra de pintura en que participan os pintores Fátima Granja e Rafael Misa, ambos os dous de Chaín e José María López de Camos. Os estilos da obras que se expoñerán van do hiperrealismo de Granja, ao naïf de Misa ou figurativo de López.
Tamén expoñerá nesta mostra o escultor e ceramista de Gondomar Antón Román, que vén colaborando desde hai varios anos co Festival Folclórico de Peitieiros elaborando as figuras que reproducen o pórtico románico da igrexa de San Miguel e coas que se agasalla aos grupos participantes. Antón Román foi responsábel da Escola de Arte de Gondomar e actualmente coordina as Mostras de artesanía no noso concello. Reputado ceramista ten impartido numerosos obradoiros de cerámica e realizado mostras ao longo do noso país.
 Arte rupestre e astronomía
Deste xeito comeza a III Semana Cultural que continuará o luns coa Noite de estrelas e petróglifos que dará inicio ás 23:00 no Lombo do Roxás, as persoas que desexen participar poden inscribirse no correo electrónico do Centro Cultural Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo .
 Obradoiro de Cestería
Tamén está aberto neste momento o prazo para inscribirse no Obradoiro de cestería tradicional de follato de millo, impartido por Esther Rodríguez. Trátase dunha modalidade tradicional nesta zona do Val Miñor en que se elaboraban diversos recipientes aproveitando o material con maior excedente: o follato de millo. Esther Rodríguez, que fará a demostración o mércores 19 ás 18 horas, aprendeu esta técnica na súa familia e agora realiza mostras da mesma e procura aprender unha modalidade de cestería que xa non se practica. As persoas que desexen inscribirse pode facelo a través do correo electrónico do Centro Cultural: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo , até o día 16. As prazas son limitadas.