Sábado, 11 Jul. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Cultura Obradoiro de Investigación Arqueolóxica en Prehistoria

Obradoiro de Investigación Arqueolóxica en Prehistoria

Correo-e Imprimir PDF
Entre o luns 22 e o venres 26 de novembro o IES â??Auga da Laxeâ?? de Gondomar acollerá un Obradoiro de Investigación Arqueolóxica en Prehistoria que pretende achegar ao alumnado do Val Miñor e á cidadanía en xeral a aplicación do método científico no estudo da Prehistoria, baseándose no xacemento paleolítico de Chan do Cereixo, na Portavedra (Gondomar), descuberto por Xaime Garrido en 1978.

O Obradoiro está organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) no marco da programación da Semana da Ciencia e da Tecnoloxía financiada pola Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento (I+D) da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia. Ademais, para a organización do evento, o IEM conta co apoio da rede científica â??Hands on Scienceâ?? do programa Sócrates/Comenius da Unión Europea para a divulgación das ciencias, por ser membro asociado desta rede.

O Obradoiro de Investigación Arqueolóxica en Prehistoria reúne diversos elementos museográficos, interpretativos e didácticos deseñados especificamente para os obxectivos da actividade, xirando ao redor dunha montaxe expositiva que inclúe paneis interpretativos, materiais empregados na investigación prehistórica, materiais arqueolóxicos, unha recreación do traballo de campo, unha montaxe audiovisual e material didáctico de axuda á visita. Parte dos equipos técnicos que se amosan no mesmo son cedidos pola E.T.S. de Enxeñería de Minas da Universidade de Vigo.

O Obradoiro de Investigación Arqueolóxica en Prehistoria vai especialmente dirixido aos estudantes de ESO e Bacharelato dos centros educativos do Val Miñor que teñen no seu currículo temas de Prehistoria, pero tamén para aqueles que xa trataron esta temática ou a van tratar no futuro. Debido ao carácter interdisciplinario da investigación, tanto a actividade como o material didáctico que se entregará a cada estudante resultan de interese para os alumnos das tres especialidades do Bacharelato: Humanidades, Tecnolóxico e Ciencias.

Para a participación no Obradoiro, os grupos convidados disporán de dous monitores que os recibirán e acompañarán durante a visita para guialos e ofrecerlles as explicacións necesarias, así como de alumnos e alumnas  voluntarios do propio IES â??Auga da Laxeâ?? en tarefas de apoio ao desenvolvemento da actividade.

Tamén, en horario de 16 h. a 19 h., o xoves 25 e venres 26, a exposición estará aberta a todo o público interesado en visitala.

Finalmente, o venres 26 ás sete e media da tarde terá lugar o acto de clausura, ao que asistirán, ademais dos organizadores, os representantes das institucións que financian e apoian a actividade: don Pedro Merino, Director Xeral de I+D, don Manuel Filipe Costa Martíns (Universidade do Minho, Portugal) e don José Benito Vázquez Dorrío (Universidade de Vigo), coordinadores da rede científica Hands on Science, don José M. Lanaja, director da E.T.S. de Enxeñería de Minas da Universidade de Vigo, dona Margarita Cachaza, directora do IES â??Auga da Laxeâ??, que acolle a actividade, así como representantes dos concellos, das comunidades de montes e outras entidades culturais e sociais miñoranas.

Para calquera cuestión relacionada cos contidos do Obradoiro poden poñerse en contacto coa Comisaria da exposición a arqueóloga doutora Rosa Villar Quinteiro (656 822 555). Para aquelas cuestións referidas a visitas de alumnado ou particulares no 605 391 369 ou no 629 828 382.