Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Memorias da Canción Popular Galega: “En tempos de crise o vello non dá morto e o novo aínda non naceu”

Memorias da Canción Popular Galega: “En tempos de crise o vello non dá morto e o novo aínda non naceu”

Correo-e Imprimir PDF
De-voces-ceibes-a-milladoir

-O músico Antón Seoane fará un percorrido pola historia do movemento popular da canción galega entre os anos 1973-1978 este venres no Instituto de Estudos Miñoranos.

O lustro 1973-1978 tamén era unha época de crise e sen mais a música trocou en discurso de liberdade. Anos nos que a cultura e sobre todo os militantes culturais polo cambio abrían fendas ao manto ditatorial que cubría o país por case catro décadas. O libro-disco De Voces Ceibes a Milladoiro. Unha memoria do movimento popular da canción galega (1973-1978), do médico e músico afincado no Val Miñor, Antón Seoane, recolle as memorias deses tempos. Obra que será presentada este venres 24 de xaneiro na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira, 10 baixo, Gondomar). O acto dará comezo ás 20:30 horas e contará coas intervencións do autor, unha presentación do director do Instituto de Estudos Miñoranos, Carlos Méixome (autor do limiar do libro) e o pase dun documental polo que desfilan protagonistas da época.

 “En tempos de crise o vello non dá morto e o novo aínda non naceu”, sinala o historiador Carlos Méixome no limiar da obra para significar o período 1973-78 que Antón Seoane recupera a través da “súa da memoria persoal, social e musical”, segundo nos adianta o director do IEM.  

Nese senso Seoane transita con ducias de fotografías, documentos e lembranzas persoais, como  protagonista en primeira persoa que foi, a época que vai dende a aparición da Canción Popular Galega, un movemento de cantautores, cancións protesta, música de taberna e influencias mesturadas que ían en coalición desordenada contra a longa sombra do franquismo, ata o nacemento e éxito de Milladoiro.