Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Convocan o VII Premio Internacional Compostela dotado con 9.000 euros ao mellor álbum ilustrado

Convocan o VII Premio Internacional Compostela dotado con 9.000 euros ao mellor álbum ilustrado

Correo-e Imprimir PDF
PCompostela2013

-O prazo de recepción de traballos acaba o 7 de marzo e o fallo do xurado coñecerase a primeira quincena de abril
O Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka Editora convocan o VII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor.


Segundo informan os organizadores, prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro 7 de marzo e o fallo do xurado darase a coñecer durante a primeira quincena de abril, no marco do Mes del Libro e das actividades da XIV Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago.
Ao Premio Internacional Compostela poden optar autores e ilustradores de calquera nacionalidade que presenten obras orixinais e inéditas, escritas en calquera das linguas oficiais da Península Ibérica.
As persoas interesadas en presentarse ao certame deberán enviar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en color de cada unha delas, xunto cunha maqueta rematada de todo o proxecto.
Os proxectos poderán presentarse en calquera tamaño, técnica e formato; a extensión non deberá superar as 40 páxinas interiores (sen contar gardas nin cubertas). O material, asinado baixo lema ou seudónimo, e cos datos persoais dos participantes incluídos nun sobre pechado, enviarase ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende, 4, 15705 Santiago de Compostela).
Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares —galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués— en outubro de 2014. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial.
O xurado estará formado por profesionais de recoñecido prestixio no eido da literatura e da ilustración infantil. As bases completas de participación no VII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados poderán consultarse nas páxinas web de Kalandraka (www.kalandraka.com) e do Concello de Santiago (www.santiagodecompostela.org).