Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Presentación do libro “Outra política para outros tempos”, de Xosé Luís Franco Grande no IEM.

Presentación do libro “Outra política para outros tempos”, de Xosé Luís Franco Grande no IEM.

Correo-e Imprimir PDF

O avogado e escritor Xosé Luís Franco Grande (Tomiño, 1936) presentará o seu recente traballo editorial Outra política para outros tempos (Editorial Galaxia) o vindeiro xoves 16 de xaneiro, ás 20:30 horas na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira, 10 baixo, Gondomar). O acto contará coa presentación de Miguel Barros Puente, mestre, licenciado e doutor en ciencias políticas.


O libro: Outra política para outros tempos
A proposta de Franco Grande neste libro é considerar con outro punto de vista as cuestións da política galega aínda abertas. Nese contexto, para o autor o federalismo non sería só solución, senón unha maneira de organizar o social, unha cultura.
Con este libro preténdese que o lector pense sobre o desenvolvemento desa realidade que é Galicia, vista desde Europa e tendo presentes as correntes de pensamento federalista que xurdiron despois da Segunda Guerra Mundial, cando quebran os estados-nación. Federalismo para Galicia tendo á vista o federalismo que para Europa pensaron os europeístas, e que para o autor "xa é unha necesidade urxente".
O autor.
Nace en Tebra (Tomiño) no ano 1936, estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e exerceu en Vigo a profesión de avogado. En 1978 foi nomeado académico de número na Real Academia Galega e leu o seu discurso de ingreso en 1998. Foi nomeado fillo predilecto do concello de Tomiño en 2011.
É autor do xa histórico Diccionario Galego-Castelán (1968) e do Vocabulario Galego-Castelán (1972). A súa obra como poeta inclúe títulos como Entre o si e o non (1967) e O tempo á espreita, que reuniría posteriormente no volume Herdo de memoria e tempo (1987). Colabora decote nos xornais A Nosa Terra e La Voz de Galicia.