Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura O Val Miñor acolle a 12ª tempada consecutiva das Xeiras divulgativas do IEM.

O Val Miñor acolle a 12ª tempada consecutiva das Xeiras divulgativas do IEM.

Correo-e Imprimir PDF
as xeiras do iem

Son tempos difíciles para esta institución que contra vento e marea teima en conservar e dar a coñecer o patrimonio natural e cultural da bisbarra miñorana polo mundo en diante. Nembargante, o impresionante pulo que  botou andar ao Instituto de Estudos Miñoranos, xa case tres lustros atrás, fai que a pesar de publicar esta tarde na súa web un berro urxente de solidariedade que permita seguir adiante a esta asociación sen ánimo de lucro, ao mesmo tempo lanza un convite para participar gratuitamente de nove paseos guiados polos seus especialistas, e de xeito totalmente gratuíto. É que resulta difícil imaxinar o Val Miñor sen o seu IEM.

Novidades e destinos das Xeiras do IEM na 12ª edición.

Como novidade, este ano se anuncia a presentación dunha ruta de recente creación que percorrerá a Serra da Groba seguindo as  ruínas da minería romana. Tamén nesta tempada volverán a ter lugar as rutas marítimas, cunha travesía en barco* polo litoral da bisbarra contando a súa historia de naufraxios e a talasonimia dos mariñeiros, percebeiros, argaceiras da costa de Oia, Baiona e Panxón. Non fallarán as visitas guiadas a fermosos lugares na pescuda do seus secretos e misterios agochados na tradición e a cultura popular. Tamén a Colexiata de Baiona e o Pazo de Barreiro abrirán as súas portas neste verán para recibir ás Xeiras do IEM. Por certo, o calendario abranguerá as tradicionais visitas pola arte rupestre do Monte Tetón e  Monteferro así como a sempre abraiante “Noite de Estrelas e Lobos”.

Como participar das visitas guiadas do IEM

Para asistir non hai máis que presentarse no lugar de encontro á hora indicada e lembrar que para manter estas e as demais actividades o IEM precisa ademais da presenza do público a colaboración e axuda para que estas non sexan as derradeiras.  As formas de colaborar pode ser dende facerse socio, mercar un libro ou comprar unhas postais.

Preme aquí para descargar o calendario de visitas.

*Para asistir á Ruta marítima pola Ría de Baiona é preciso abonar previamente o custe da viaxe na conta do IEM (2080.5035.07.3040014164, de NovacaixaGalicia), anotando o nome do viaxeiro e a palabra BARCO en “Concepto”. O prazo para anotarse remata o luns 15 de xullo. Prezos: Menores de 3 anos, de balde; 3-10 anos: 10 €; maiores de 10 anos: 15 €. As reservas tamén se poden facer no teléfono 680644490, ou na oficina do IEM (Avda da Feira Nº10, baixo, Gondomar) de luns a venres de 18 a 22 horas.