Sábado, 20 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Libro de Alberto Quian (Galicia Confidencial) analiza o impacto mediático e político de WikiLeaks

Libro de Alberto Quian (Galicia Confidencial) analiza o impacto mediático e político de WikiLeaks

Correo-e Imprimir PDF
WIKILEAKS

-O responsábel de redes sociais do xornal colborador Galicia Confidencial, Alberto Quian, publica un libro no que analiza polo miúdo a estratexia de comunicación e de difusión de WikiLeaks para facer impactar as filtracións masivas de documentos secretos de gobernos e corporacións na opinión pública.

 

A Editorial UOC publica en formato electrónico e en papel 'O impacto mediático e político de WikiLeaks', un libro no que Alberto Quian, responsábel de redes sociais de Galicia Confidencial, analiza polo miúdo como se xestaron as filtracións masivas de documentos secretos de gobernos e corporacións e as claves da súa publicación nos medios de comunicación.

'O impacto mediático e político de WikiLeaks' é o relato de como se xestou a primeira gran wikistory na era da sociedade rede e un dos acontecementos máis destacados do xornalismo moderno. O principal propósito do autor é explicar como WikiLeaks alcanzou o seu obxectivo prioritario do máximo impacto político a través dunha estratexia de máximo impacto mediático.

Nestas páxinas téntase dilucidar as estratexias de WikiLeaks e resolver algunhas das moitas interrogantes que suscita aínda este fenómeno comunicativo. Así, afóndase na filosofía e ética hacker de Julian Assange; elucídase a estratexia dunha organización ciberespacial como WikiLeaks para conseguir o máximo impacto político mediante o máximo impacto nos mass media; expóñense as claves da controvertida relación de conveniencia entre WikiLeaks e a prensa tradicional, e analízase o storytelling de partidarios, detractores e do propio Assange —heroe ou vilán, segundo conveña—, convertido en mito contemporáneo.

No libro explícase con detalle a relación dunha organización transnacional e desterritorializada como WikiLeaks cos medios tradicionais de masas e, en particular, con The New York Times, The Guardian, Le Monde, Der Spiegel e El País, xornais que crearon unha coalición sen precendentes no mundo do xornalismo para colaborar con WikiLeaks na publicación de documentos secretos de Estados Unidos.

Ademais, o autor desentraña a evolución e cambios na estratexia de comunicación e de difusión de WikiLeaks, as reaccións dos seus partidarios e detractores, e o seu impacto na opinión pública; precisa as accións de WikiLeaks como actos dunha organización en rede e transnacional adscrita á filosofía hacker; analiza a intrincada personalidade e filosofía de Julian Assange, e elucida o paradigmático caso Cablegate como fenómeno político, comunicativo e informativo transnacional e transmediático, enmarcado nos novos escenarios xeopolítico, económico, cultural, social e informativo que suscitan a sociedade rede e o cambio de paradigma informativo co acceso masivo, instantáneo, ubicuo e multicrónico aos feitos e datos, e que, en definitiva, supoñen un replantexamento da democracia como garante dos dereitos e liberdades dos individuos a informar e a coñecer.

Xa á venda en tendas electrónicas e librarías.

Recollido do xornal colaborador Galicia Confidencial