Domingo, 5 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura A AA VV Chandebrito 1807 presenta un tríptico informativo para as persoas que visiten o sendeiro dos Matos.

A AA VV Chandebrito 1807 presenta un tríptico informativo para as persoas que visiten o sendeiro dos Matos.

Correo-e Imprimir PDF

A Asociación Veciñal e Cultural Chandebrito 1807 ven de publicar nestes días, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, un tríptico informativo do sendeiro dos Matos, recuperado no ano 2005 entre os veciños e o Concello de Nigrán.

Deste xeito, nas rutas que se fagan deste sendeiro poderanse entregar de xeito gratuíto aos participantes unha información detallada da historia, das características e dos elementos de interese que ten o mesmo (catro muíños de auga, pontellas medievais, a beleza do curso do río Muíños, a natureza, etc.).

Este camiño ten unha grande importancia histórica-etnográfica para os veciños da actual parroquia de Chandebrito, xa que foi empregado durante centos de anos ata o 1786 para ir á antiga igrexa de Camos, parroquia á que pertencían os catro barrios históricos que hoxe forman Chandebrito.

Ademais de recuperar o muíño dos Matos durante as vindeiras semanas, prevense facer tamén a curto prazo a limpeza do carreiro de pés que pasa por este e por unha antiga pontella medieval que se localiza uns cen metros máis abaixo deste muíño. Deste xeito, a asociación veciñal quere de cara a esta primavera / verán ter acondicionado o espazo para goce “da beleza deste camiño e comprender mellor o interese que ten”.