Xoves, 4 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura O OLOCUM, onde a música crece do fondo do mar.

O OLOCUM, onde a música crece do fondo do mar.

Correo-e Imprimir PDF
jaimemarley

É sábado pola mañá. Chego despois de remontar as mil riviravoltas dunha das estradas máis fermosas da costa atlántica. Despois das apertas e bicos correspondentes, baixo a escalinta de pedra cara ao encontro pactado. Os cinceiros aínda están pintados polo tisne das cabichas consumidas durante a madrugada. Bob Marley e unha bandeira de Xamaica danme a benvida, nembargante cheira a mar de argazos, é terra de Mougás. Entrementres, Ifasaanu (Jaime Abelenda - Madrid), entre bocexo e bocexo faime un lugar no seu OLOCUM. Non levo a gravadora, hoxe vin escoitar.

 

Aquí, nas Marinhas, á altura do portal nº 9, na ribeira da parroquia de Mougás (Oia) está o OLOCUM (palabra africana da cultura Yoruba que refire ao fondo do mar), un espazo artístico musical, adoptado como templo por un grupo importante de músicos das novas correntes. Entre unha morea de instrumentos musicais e ordenadores, máis a mirada intimidante dunhas máscaras africanas e tapices con escenas rituais, Ifasaanu na compaña dun dos seus irmáns da vida, David (Baiona), comezan a relatarme as peripecias das últimas 18 horas de traballo entre ensaios e gravacións no estudio do OLOCUM. Hai choio de cara á aterraxe no festival de Hip Hop no Brazing Fire (Móstoles, Madrid).

Mentres escoitamos algúns dos cortes feitos no maratón, ambos os dous non deixan de "fochicar" instrumentos. Así, soa música hip hop sobre bases de reggae, cortes de guitarras en clave rock&roll, voces que rapean e coros ao límite do melódico. En fin, as creacións desta nova e firme corrente que sen unha etiqueta que a encorsete decidiu "xuntar tódolos espantos", a forza de músicos, ordenadores, Dj's e moito espírito creativo

Pouco a pouco achéganse Mariela (Vilagarcía de Arouza) e Inés (Mañufe, Gondomar), que estiveron ata as tantas facendo voces e coros no estudo. O ambiente é de resaca, máis non da que se produce despois dunha festa, senón o cansazo puro e duro de xente nova que quere facer a súa arte co maior compromiso.

David e Ifasaanu explícanme que de aquí ao 10 de febreiro haberá moitas noites así. Para subir da mellor maneira ao escenario que compartirán con bandas e músicos de Madrid na "Noche Hip Hop" de Móstoles. Á presentación concorrerán nunha furgoneta coa que Ifasaanu ten percorrida media Europa coa súa táboa de surf. Ademais dos presentes, no proxecto traballan Mateo (irmán de Ifasaanu, Nigrán), Juan Manuel (músico multiintrumentisa, Baiona), Ángela (gaita e voces, Vilagarcía de Arousa) e mais Alicia (coros, Vilagarcía de Arousa). A troupe pecha coa participación do Indomable (Ricardo Gómez, Baiona), que pola súa traxectoria ao igual que Ifasaanu son os nomes que aparecen nos carteis do festival.

A mañá fíxose tarde, e compartimos uns chourizos e carne asada que Clara, a nai de Ifasaanu fixo nunha lareira improvisada no chan da finca a carón da casa. Antes, camiñamos entre o monte, visitamos a horta que a familia cultiva na parte alta -é Oia, sempre hai un lugar "máis alto"- mentres comentabamos as posibilidades de que o OLOCUM medre como espazo aberto cara aos artistas novos de tódolos xéneros e disciplinas da contorna.

Alí quedamos, cara ao mar. Coa sorpresa dun polo á laranxa que truxo José Carlos o tío da familia que co seu talante e xenio andalúz fixo que a xuntanza tivese un merecido remate.

Noche Hip Hop (10 de febreiro, Móstoles - Madrid)

Dim lights Embed Embed this video on your site